Clece premia o compromiso de entidades e medios de comunicación contra a violencia de xénero

Clece premia o compromiso de entidades e medios de comunicación contra a violencia de xénero

Clece Social, o proxecto social de Clece, celebrou o pasado 20 de novembro a cerimonia de entrega dos seus Premios Compromiso que, nesta cuarta edición, recoñeceron o compromiso de entidades, medios de comunicación e personalidades na loita contra a violencia de xénero.

Na categoría de Mellor Proxecto Social relacionado con mulleres vítimas da violencia de xénero realizado por entidades sen ánimo de lucro, resultaron premiadas as entidades Fundación Santa María La Real, a Asociación de Xóvenes Emprendedores Lucenses e a Fundación Don Bosco. Cada unha delas recibirá unha dotación económica de 10 000 euros. Na categoría de Mellor Traballo Xornalístico, a xornalista do diario Público, Marisa Kohan, gañou o galardón dotado con 7000 euros.

O Premio á Iniciativa de Sensibilización máis relevante na loita contra a violencia de xénero foi concedido á campaña «Tolerancia Cero. Contra os malos tratos, a forza de todos» de Antena 3 Noticias e Fundación Mutua Madrileña. En canto ao recoñecemento ás asociacións que máis colaboraron con Clece, o galardón foi outorgado a Candelita e á Fundación ARED. Así mesmo, o xurado concedeu unha distinción especial á capitá da Garda Civil María José Garrido Antón.

Unha sentida homenaxe

Este ano, a gala estivo marcada pola ausencia de Luis Lorente, presidente do xurado, que faleceu uns días antes. «Déixanos un home brillante, cunha mente privilexiada e unha inmensa calidade humana. Tivemos a honra de telo no noso xurado e, dende logo, o seu sinal permanecerá indeleble nestes galardóns. El fíxoos seus dende o primeiro momento e estarémoslle sempre agradecidos» expresou José Andrés Elizaga, director de Comunicación e Relacións Institucionais de Clece.

Categorías a concurso

Dentro das categorías a concurso nesta edición, o xurado outorgou o Premio ao Mellor Proxecto Social a tres das sete asociacións finalistas:

  • Fundación Santa María La Real de Aguilar de Campoo (Palencia), polo seu programa «Emprego Muller de Castela e León». O programa, que busca promover a inserción sociolaboral e a mellora da empregabilidade das mulleres en situación de especial vulnerabilidade de Castela e León, contou, até a data, coa participación de 513 mulleres, das cales 234 foron vítimas da violencia sexista.
  • Asociación de Xóvenes Emprendedores Lucenses (AXEL)), polo seu proxecto «Blíster, pílulas do coñecemento» que busca formar mulleres en áreas laborais non-asociadas tradicionalmente a elas, como electricidade, fontanaría, xardinaría etc., e romper así cos estereotipos de xénero. O seu obxectivo é acadar entre 20 e 30 mulleres vítimas da violencia de xénero na provincia de Lugo.
  • Fundación Don Bosco de Córdoba, As Palmas de Gran Canaria e Badaxoz, polos seus «Itinerarios integrados de inserción sociolaboral» con vítimas da violencia de xénero, cos que se expón como obxectivo a mellora da empregabilidade das vítimas da violencia sexista. O proxecto conta coa colaboración de máis de 800 empresas inscritas na súa axencia de colocación.

Na outra categoría a concurso, a de Mellor Traballo Xornalístico, o xurado concedeu o galardón entre os catro finalistas a:

  • Marisa Kohan, xornalista do diario Público, por un labor xornalístico comprometido coa loita contra a violencia machista.

Recoñecementos especiais

«Tolerancia Cero. Contra os malos tratos, a forza de todos» recibiu o recoñecemento a Mellor Iniciativa de Sensibilización Social. A campaña, promovida por Antena3 Noticias e Fundación Mutua Madrileña, leva dende 2015 utilizando a forza da comunicación para sensibilizar contra a violencia de xénero. Recolleron o premio Mónica Carrillo, presentadora do telexornal da fin de semana en Antena3, e Lorenzo Cooklin, director xeral da Fundación.

Esta edición tamén incluíu un recoñecemento especial para aquelas asociacións que máis colaboraron este ano con Clece na integración laboral das vítimas da violencia de xénero. Este foi outorgado á asociación Candelita e á Fundación ARED pola súa implicación na integración e reinserción das mulleres no mundo laboral, principalmente das provenientes de colectivos vulnerables.

Finalmente, fíxose entrega dunha distinción especial a María José Garrido Antón. Capitá da Garda Civil, con destino actual na sección de Análise do Comportamento Delituoso da Unidade Técnica da Policía Xudicial, doutora en Psicoloxía, cun máster en Ciencias Forenses pola UAM e experta en criminoloxía pola UNED, foi a autora da Guía de primeiros auxilios psicolóxicos en violencia de xénero, primeira das súas características publicada en 2011, un fito que sentou un precedente e que marca toda unha traxectoria profesional vinculada á protección das vítimas. A distinción coincide ademais co 30.º aniversario da incorporación da muller á Garda Civil.

Compromisos cumpridos

Hai un ano, na Gala dos III Premios Compromiso, Clece anunciou a súa intención de contratar 139 mulleres vítimas de violencia de xénero de cara á seguinte gala, comprometéndose así a dar outro paso máis nesta loita.

A iniciativa chamouse «Proxecto 139», sendo esta unha cifra simbólica igual á do número de candidaturas presentadas neses galardóns contra a violencia de xénero á categoría de Mellor Proxecto Social. O obxectivo deste proxecto foi favorecer a plena recuperación e integración social das vítimas a través do emprego. O resultado deste compromiso foi un rotundo éxito e, dende o anuncio da iniciativa, supuxo a incorporación de 169 sobreviventes da violencia de xénero á empresa.

IV EDICIÓN PREMIOS COMPROMISO