O Libro branco da hixiene hospitalaria destaca a importancia da innovación tecnolóxica

O Libro branco da hixiene hospitalaria destaca a importancia da innovación tecnolóxica

 

  • Algúns estudos cifran os casos de IRAS evitables no 56,6 % do total e estiman que cada ano lle supoñen un gasto duns 800 millóns de euros ao Sistema Nacional de Saúde.
  • Existe até un 40 % de marxe de mellora no ámbito da hixiene ambiental dos centros asistenciais.
  • O uso de novos métodos de desinfección automatizados permite eliminar microorganismos cunha eficacia do 99,9 %, minimizando a probabilidade de contraer IRAS.

Madrid, 5 de xaneiro de 2015. As infeccións relacionadas coa asistencia hospitalaria, coñecidas polas súas siglas IRAS, constitúen na actualidade un dos principais retos dos centros asistenciais debido ao enorme impacto que xeran tanto na saúde dos pacientes coma na utilización dos recursos nos centros sanitarios. Algúns estudos cifran os casos de IRAS evitables no 56,6 % do total e estiman que lle supoñen cada ano un gasto duns 800 millóns de euros ao Sistema Nacional de Saúde. 

Neste escenario, os expertos insisten na importancia da innovación tecnolóxica como medida complementaria aos métodos tradicionais e manuais de limpeza no ámbito da hixiene sanitaria. Esta é unha das principais conclusións extraídas do Libro branco da hixiene hospitalaria. Este estudo, que se presentou o pasado mes en Barcelona e Madrid, foi elaborado pola consultora Antares Consulting e contou coa colaboración de máis de 30 expertos nacionais e internacionais e o patrocinio da empresa multiservizos Clece.

En España, segundo o último informe EPINE dispoñible (Estudo de prevalencia das infeccións nosocomiais en España), a prevalencia das IRAS producidas no propio ingreso acada o 5,6 %. Ante esta problemática, «a hixiene hospitalaria preséntase como elemento crucial e imprescindible» afirma Bernardo Ubago, director de Antares Consulting. 

A abordaxe das IRAS consta de dúas dimensións complementarias e sinérxicas: a hixiene persoal dos profesionais e a hixiene ambiental. «No que respecta a esta última, referida á limpeza e desinfección nas superficies e estancias hospitalarias, a marxe de mellora é de até o 40 %. Isto débese a que tradicionalmente a hixiene e limpeza hospitalaria se caracterizaron polo seu aspecto manual, por un estancamento tecnolóxico e un escaso nivel de innovación, polo que a innovación tecnolóxica será un elemento nuclear e dinamizador» engade Bernardo Ubago.

Sinerxía de novas tecnoloxías e métodos tradicionais

A combinación de métodos de desinfección automatizados unida a unha limpeza manual máis tradicional arroxa uns resultados de desinfección notablemente mellores, reducindo o número de microorganismos presentes nas superficies até un 99,9 % e minimizando, polo tanto, a probabilidade de contraer IRAS. 

Últimos avances en desinfección hospitalaria: robot Xenex

Entre os principais métodos de desinfección automatizados cómpre destacar as luces UV de mercurio e xenon, o peróxido de hidróxeno vaporizado e os sistemas de ozono, que progresivamente se están a introducir na contorna asistencial para complementar e optimizar os métodos tradicionais.

Un dos últimos fitos tecnolóxicos é o robot Xenex, actualmente en funcionamento en dous hospitais españois: o Hospital Xeral do Complexo Sanitario Vall d’Hebron de Barcelona, na área da unidade de coidados intensivos, e o Hospital de La Fe de Valencia, na área de hospitalización de oncoloxía. Grazas ao uso da luz ultravioleta, xerada mediante lámpadas de gas xenon, este robot destrúe microorganismos patóxenos, como bacterias, fungos e virus, en poucos minutos. De feito, foi utilizado para a desinfección de cuartos de pacientes con ébola en hospitais dos EUA.

«Tras cinco meses de traballo, os datos científicos realizados polo Centro Nacional de Biotecnoloxía, CNB, pertencente ao CSIC, demostraron a alta capacidade de desinfección deste sistema cunha eficacia de máis do 99,9999 % de eliminación de bacterias e máis do 99,9 % de virus e esporas» explican dende Clece, única empresa no noso país que presta este servizo.

sss ddd