Clece presenta na ONU o seu proxecto de integración laboral de mulleres vítimas da violencia de xénero

Clece presenta na ONU o seu proxecto de integración laboral de mulleres vítimas da violencia de xénero

  • Clece foi elixida para participar no evento grazas ao seu compromiso social con este colectivo.
     
  • Na actualidade, 127 mulleres vítimas de malos tratos forman parte activa de Clece.
     

Clece foi a única empresa convidada na ONU para presentar o seu modelo de integración de mulleres vítimas da violencia de xénero dentro do evento «Máis que un emprego, o traballo rompe o ciclo da violencia de xénero», celebrado o pasado 18 de marzo na sede das Nacións Unidas en Nova York e no que tamén participaron representantes da Administración española.

Como parte do seu proxecto social, Clece leva a cabo un intenso labor de integración de mulleres vítimas da violencia de xénero, entre outros colectivos desfavorecidos. Na actualidade, 127 mulleres maltratadas forman parte activa de Clece.

Elixida polo seu compromiso con este colectivo social, Clece participou neste acto promovido por representantes do Goberno de Noruega, que pretende tomar como modelo o sistema integral de xestión da violencia de xénero existente en España para aplicalo no concello noruegués de Sor-Odal. Desta forma, no evento tamén interveu Paloma López-Izquierdo Botín, secretaria xeral do Instituto da Muller e para a Igualdade de Oportunidades, quen expuxo as accións e políticas establecidas pola Administración española na loita contra a violencia de xénero.

A través dos seus representantes no acto (Rosa Llamas, delegada social, e Iñigo Camilleri, responsable de selección e desenvolvemento), Clece explicou como está a integrar na súa compañía mulleres vítimas da violencia de xénero, atendendo á xeración de boas prácticas, como o apoio da dirección, a interacción coas entidades sociais e a xestión dos procesos de selección centrados no perfil tipo deste colectivo.

A invitación a participar neste evento fraguouse meses atrás cando a Administración norueguesa solicitou ao Goberno español poder coñecer as políticas en materia de violencia de xénero que se estaban a desenvolver no noso país para aplicalas en Noruega e falar cunha compañía española referente nesta materia. En decembro, Clece presentou a unha delegación do Goberno noruegués, composta por nove mulleres con distintos cargos na Administración do seu país, o seu proxecto de integración deste colectivo na empresa, un proxecto que gustou á representación norueguesa e que esta posteriormente promoveu para a súa exposición na sede da ONU.