Clece e Fesbal intensifican a súa colaboración para a doazón de alimentos

Clece e Fesbal intensifican a súa colaboración para a doazón de alimentos

  • As dúas entidades ampliarán as iniciativas que levan realizando de forma conxunta a nivel local e rexional.
  • O acordo enmárcase no compromiso social de Clece orientado á integración de persoas socialmente vulnerables.

5 de xuño de 2014. Clece e a Federación Española de Bancos de Alimentos (Fesbal) asinaron un acordo polo que se comprometen a regular e intensificar a súa colaboración na compra e recolleita, así como na doazón de alimentos.

O director xeral de Clece, Cristóbal Valderas Alvarado, e o director xeral de Fesbal, Juan Raúl Sanz Jiménez, asinaron o convenio na sede corporativa da federación.

A sinatura deste acordo supón regular as colaboracións que ambas as entidades realizan por medio de distintas iniciativas a nivel local e rexional. Así, segundo os termos da colaboración, Clece comprométese a doar produtos de alimentación que serán entregados aos bancos de alimentos asociados a Fesbal en España para facérllelos chegar ás persoas necesitadas.

Cristóbal Valderas Alvarado manifestou a súa satisfacción co convenio «porque supón dar un paso máis na frutífera colaboración que levamos desenvolvendo nos últimos anos. En Clece queremos sumar, queremos aportar benestar á sociedade, especialmente a aquelas persoas máis desprotexidas socialmente. O labor realizado por Fesbal neste sentido merece todo o noso recoñecemento, e poder sumarnos a el é unha oportunidade para reforzar o noso compromiso social e materializalo en feitos reais, en concreto, en algo tan necesario na actualidade como as actividades de sensibilización e doazón de alimentos».

Segundo Juan Raúl Sanz Jiménez, «este é un exemplo máis da creación de valor compatible de Clece, valor non só para a empresa, senón tamén para a sociedade. Significa comprender que a pobreza é unha enfermidade social, que en España representa un 27,3 % da poboación en risco de exclusión social (con maior incidencia na idade infantil), e que, coa axuda destes alimentos esenciais na cesta básica familiar que hoxe nos entregades, levamos vida e consolo ás familias».

A sinatura do convenio con Fesbal enmárcase no proxecto social de Clece, baseado na integración social de colectivos vulnerables por medio da súa inserción laboral, o mantemento do emprego e a mellora da calidade de vida daquelas persoas máis desprotexidas socialmente, un compromiso para o que na actualidade traballa conxuntamente con máis de 200 asociacións e fundacións con fins sociais.