Premio á excelencia e innovación educativa

Premio á excelencia e innovación educativa

  • O proxecto educativo Crearte, da escola infantil Los Sauces de Valdemoro en Madrid, gaña na segunda edición.
  • Un recoñecemento ás experiencias máis innovadoras e de maior éxito a escala internacional con nenos e nenas de entre 0 e 3 anos.

Madrid, 8 de maio de 2016. A escola infantil Los Sauces de Valdemoro en Madrid, xestionada por Clece, recibe o Premio á Excelencia e Innovación Educativa convocado pola Asociación Mundial de Educadores Infantís, AMEI-WAECE, e Hermex Ibérica, un recoñecemento ao proxecto Crearte dirixido a estimular a creatividade dos máis cativos.

O premio foi entregado durante a celebración do Congreso de AMEI-WAECE que tivo lugar en Madrid os días 7 e 8 de maio. «Queremos dedicar este premio a todos aqueles educadores e mestres, homes e mulleres, que se entregan profesional e persoalmente á infancia» declarou Pilar Rodríguez Jiménez, directora do centro. Xunto a Pilar, Laura González Duque e Ana Maria Motilla Martin integran o equipo responsable desta experiencia educativa.

Co nome de Crearte, «o proxecto pretende ser unha ferramenta para que os nenos desenvolvan todas as súas capacidades artísticas e creativas. O seu gran obxectivo é espertar nos pequenos o entusiasmo e a ilusión pola arte de crear» explica Pilar. Desenvolvido durante todo o curso, está dividido en catro grandes bloques de dous meses de duración: a arte musical, a arte feita escultura, a arte de pintar e a arte de cociñar. A arte musical consiste en presentar ás crianzas os diferentes instrumentos musicais e elas mesmas van descubrindo como se toca cada un e que ritmos poden facer. Na arte da escultura, con diferentes materiais como a arxila, manipulan e crean distintas figuras. Na de pintar, os cativos exprésanse a través de diferentes técnicas; e na arte de cociñar, coñecen o proceso de manipulación dos alimentos para realizar comidas como un batido, pan ou un biscoito.

Entre as principais actividades, cada un destes catro bloques preséntase cunha obra de teatro. Ademais, cada venres preséntase unha experiencia contando sempre co efecto sorpresa como base para estimular a imaxinación. Ao finalizar o curso, exponse nunha aula chamada Museo todo o traballo realizado; os pais poden observar así o desenvolvemento deste proxecto.

A orixinalidade, o carácter innovador e a participación ou implicación das familias son algúns dos criterios que máis valorou o xurado para a concesión do premio. Coa colaboración de Hermex, o galardón de AMEI-WAECE ten como obxectivo dar a coñecer as experiencias, os proxectos e os materiais de aula máis innovadores e de maior éxito que se están levando a cabo nas aulas de todo o mundo con crianzas de entre 0 e 3 anos de idade.