Dous centros de día para maiores xestionados por Clece certificados como «Libres de suxeicións»

Dous centros de día para maiores xestionados por Clece certificados como «Libres de suxeicións»

 

  • A certificación supón a non-utilización de suxeicións físicas nin farmacolóxicas na atención e coidado de persoas maiores e con alzhéimer.
  • Até o momento, só catro centros de día para maiores recibiron este recoñecemento a nivel estatal.

Santander, 22 de xaneiro de 2016. Os centros de día de Parayas en Camargo e de General Dávila en Santander recibiron esta mañá a acreditación «Centro libre de suxeicións» que lles outorgou a Confederación Española de Organizacións de Maiores, CEOMA. Ambos os centros pertencen á rede de centros de día do Instituto Cántabro de Servizos Sociais, ICASS, e están xestionados por Clece

Isabel Lebrero, directora dos centros, recibiu a acreditación de mans do doutor Antonio Andrés Burgueño, director do programa «Desatar o ancián e o enfermo de alzhéimer» dende a súa creación en 2003. No acto tamén estiveron presentes Felisa Lois, directora do ICASS; Miguel Ángel Cavia, subdirector de dependencia do ICASS; M.ª Antonia Astuy, xefa de sección de recursos comunitarios do ICASS; José Manuel Millán, xerente de servizos sociais de Clece; e Pilar Elena Sinobas e Rocío Cardeñoso, representantes do Colexio de Enfermaría de Cantabria.

Os centros de día de Parayas e General Dávila súmanse así ao reducido grupo de residencias e centros para maiores a nivel estatal que contan con esta prestixiosa acreditación. Segundo o rexistro de centros acreditados do CEOMA, só 24 residencias e 2 centros de día contaban até o momento coa certificación. Este recoñecemento supón a non-utilización de suxeicións físicas nin farmacolóxicas na atención e coidado de persoas maiores e con alzhéimer. 

Isabel Lebrero agradeceu «a implicación de todos e o gran traballo en equipo para a consecución desta certificación. Sitúanos na primeira liña da transformación que está a experimentar a atención xerontolóxica, onde un dos grandes avances é precisamente a evolución a unha atención sen suxeicións para proporcionar maior benestar e calidade de vida aos maiores e os seus familiares». Neste sentido, Isabel Lebrero puxo como «experiencia exemplar e modelo para seguir» a Trieste, «cidade libre de suxeicións», cuxo impulsor, Fabio Cimador, enviou dende a cidade italiana unhas palabras de felicitación aos centros recentemente acreditados. A propia Lebrero leu aos presentes estas palabras onde Cimador incidiu «nos graves danos» que pode ocasionar o uso de suxeicións a pesar de ser unha práctica amplamente xeneralizada. 

Pola súa banda, o doutor Antonio Andrés Burgueño felicitou os centros por «sumarse a un modelo máis humano e ético a pesar do esforzo que supón, xa que require dun cambio de cultura de traballo nos profesionais, na actitude das familias, moita formación, así como modificacións ambientais, organizativas e de equipamento para garantir unha contorna segura». 

O uso de suxeicións empregouse para previr situacións de risco en determinados tipos de pacientes. A evolución en atención xerontolóxica demostrou o seu uso como contrario aos obxectivos dos coidados prolongados ao maior. Entre outros problemas, pode provocar a aparición de úlceras por presión, incontinencia, atrofia muscular ou trastornos de conduta, unha constatación que impulsou o cambio de estratexia cara a unha atención libre de suxeicións. 

Na foto: Antonio Andrés Burgueño, director do programa «Desatar o ancián e o enfermo de alzhéimer»; Felisa Lois, directora do ICASS; Isabel Lebrero, directora dos centros de día Parayas e General Dávila; e José Manuel Millán, xerente de servizos sociais de Clece.