Clece recibe o premio Randstad á integración

Clece recibe o premio Randstad á integración

  • Clece foi vencedora na categoría «Empresa» por contribuír á incorporación de 1 163 persoas en risco de exclusión en 2013.
  • Cruz Vermella, Gestiona Radio e o campión paralímpico David Casinos tamén foron recoñecidos nos IX Premios Randstad.

28 de maio de 2014. A Fundación Randstad recoñeceu o labor de Clece nos IX Premios Randstad. Os galardóns premian anualmente empresas, medios de comunicación, institucións e profesionais por proxectos e iniciativas en favor da integración de colectivos socialmente vulnerables.

Clece resultou vencedora na categoría «Empresa» polo seu compromiso social coa igualdade de oportunidades e a elaboración de políticas de integración de colectivos desfavorecidos durante o ano 2013. Neste exercicio, a compañía incorporou 585 persoas con discapacidade, 357 persoas provenientes da exclusión social e 221 mulleres vítimas da violencia de xénero. Así, na actualidade, Clece integra no seu cadro de persoal, composto por máis de 68 000 persoas, 4 317 traballadores provenientes de colectivos socialmente vulnerables.

O premio valorou a aposta da empresa pola empregabilidade destes profesionais mediante accións de sensibilización que derrubaron estereotipos e prexuízos no seu persoal. Clece converteuse, deste xeito, nun referente social, ao equilibrar a súa rendibilidade económica coa sustentabilidade social e a igualdade no emprego.

Cristóbal Valderas, director xeral de Clece, agradeceu o recoñecemento á fundación recordando que «a integración laboral de colectivos socialmente vulnerables esixe a complicidade e esforzo de todos», polo que fixo «extensible o premio a todas as persoas que, día a día, traballan no reto da integración».

A Fundación Randstad acolle e valora aquelas iniciativas que destaquen polo desenvolvemento de políticas de responsabilidade social, proxectos de colaboración con outras entidades, iniciativas de carácter social que se apliquen para os seus empregados, integración laboral de colectivos desfavorecidos, accións de conciliación laboral e familiar, entre outros. Xunto con Clece, nesta edición foron premiados Cruz Vermella, Gestiona Radio e o campión paralímpico David Casinos.