«O prego de condicións é clave para favorecer a inclusión laboral»

«O prego de condicións é clave para favorecer a inclusión laboral»

• Esta foi unha das conclusións de Cristóbal Valderas, presidente de Clece, que destacou tamén que «a obra social por excelencia é o emprego».

• En Aragón, o 14 % do cadro de persoal de Clece está formado por persoas procedentes de colectivos vulnerables.

«O emprego é a solución para a integración social dos colectivos vulnerables»: esta é unha das principais conclusións extraídas do VII Foro «Clece pola Integración» que tivo lugar o pasado 15 de xuño no auditorio CaixaForum de Zaragoza baixo o lema «Unha ponte cara ao emprego».

O foro, organizado pola empresa Clece, congregou distintos representantes da Administración pública, a empresa privada e axentes sociais, así como unha persoa en representación de colectivos vulnerables, co obxectivo de debater fórmulas para mellorar a empregabilidade e derrubar as barreiras ás que teñen que facer fronte as persoas con discapacidade, as persoas en risco de exclusión social e as vítimas de violencia de xénero para acceder a un emprego.

O evento contou coa participación de Teresa Sevillano Abad, directora xeral de Igualdade e Familias do Goberno de Aragón; Recaredo García Gaspar, xefe do Servizo de Promoción de Emprego, INAEM, Goberno de Aragón; Soledad Bolea Bosque, xefa de sección de programas de igualdade da Casa da Muller do Concello de Zaragoza; Beatriz Gutiérrez, coordinadora rexional en Aragón da Fundación Adecco; Ibtisam, traballadora de Clece do servizo de axuda no domicilio de Zaragoza, e Cristóbal Valderas Alvarado, presidente de Clece.

O encontro puxo de relevo a necesidade de impulsar alianzas entre a empresa privada e a Administración pública para reducir as taxas de paro dos colectivos vulnerables.

Ibtisam, traballadora do servizo de axuda no domicilio de Zaragoza, atopou en Clece unha oportunidade laboral e hoxe está convencida de que o seu traballo non só lle está permitindo desenvolverse profesionalmente, senón que tamén lle deu a oportunidade dunha nova vida xunto ao seu fillo. Para ela, «o emprego, a unha muller, dálle valor e enerxía, a capacidade de seguir loitando polo que quere, ter obxectivos, mellorar a súa autoestima e non renderse para seguir adiante».

«Non é o mesmo contratar ca integrar. En Clece, as persoas de colectivos vulnerables intégranse, fanse embaixadoras de marca. Ter xente como Ibtisam fainos mellores. As 7 200 persoas destes colectivos integradas son unha beizón. Por iso, falamos con esta paixón e queremos seguir crecendo coa Administración pública para dar máis oportunidade a máis xente», afirma Cristóbal Valderas Alvarado, presidente de Clece.

Teresa Sevillano Abad, directora xeral de Igualdade e Familias do Goberno de Aragón, comentou que «en Zaragoza vivimos moito tempo de costas ao Ebro e hoxe contamos con moitas pontes, hoxe non debemos dar as costas ás persoas máis vulnerables, pola dignidade a toda a sociedade, debemos tenderlles pontes ao emprego para favorecer a súa integración».

Pola súa banda, Recaredo García Gaspar, xefe do Servizo de Promoción de Emprego, INAEM, do Goberno de Aragón, sinalou que «hai que favorecer con medidas a inclusión destes colectivos e as subvencións son fundamentais para fomentar o emprego, senón teriámolo máis difícil. En Aragón facemos un labor de sensibilización lembrándolles ás empresas a obriga de cumprir a Lei xeral de discapacidade. Os servizos públicos de emprego temos que estar a carón das empresas».

Soledad Bolea Bosque, xefa de sección de programas de igualdade da Casa da Muller do Concello de Zaragoza, comentou que «é importante a educación en igualdade, sen discriminación, apoiando e formando as mulleres. O sector público e privado deben xuntar forzas para apoiar estas mulleres e lograr que se insiran. O labor de empresas como Clece, que teñen presenza en toda a península, pode dar unha oportunidade laboral a persoas vítimas de violencia de xénero para cambiar de cidade e afastarse, á súa vez, da súa parella».

En palabras de Beatriz Gutiérrez, coordinadora rexional en Aragón da Fundación Adecco, «o emprego é a pedra angular para que os colectivos vulnerables saian da exclusión». Ademais, engadiu: «hai que romper estereotipos e educar as futuras xeracións para potenciar que nas empresas se valoren as persoas polo que saben facer e isto empeza con currículos cegos».
Ao final do foro, todos os relatores animaron a Clece a seguir integrando colectivos vulnerables e organizando eventos deste tipo que promoven a sensibilización.

Construíndo pontes pola integración

O VII Foro Clece pola Integración enmárcase en Clece Social, o proxecto social da compañía, dirixido a mellorar a empregabilidade, integración, sensibilización e coidado de colectivos socialmente desfavorecidos, como persoas con discapacidade, persoas en risco de exclusión social, mulleres que sofren violencia de xénero e xente nova desempregada de longa duración, así como colectivos con especiais necesidades de atención, como nenos e maiores.

Este forte compromiso social de Clece fixo posible que este ano, no que a compañía cumpre o seu 25.º aniversario, un 9,6 % do seu cadro de persoal proceda xa destes colectivos. Dos seus 71 982 empregados a nivel estatal, 6 926 traballadores son de integración. No caso de Aragón, Clece conta con 1 712 empregados, dos cales o 14 % son persoas procedentes de colectivos vulnerables.

Galería VII Foro por la Integración