A Comisión da Discapacidade no Congreso visita o labor que realiza INTEGRA CEE en Endesa

A Comisión da Discapacidade no Congreso visita o labor que realiza INTEGRA CEE en Endesa

  • Encontro institucional para coñecer de preto o labor que realiza Integra CEE na inclusión sociolaboral de persoas con diversidade funcional
  • O sector da CEE xera máis do 70 % do emprego para as persoas con discapacidade no noso país

Representantes da Comisión da Discapacidade no Congreso visitaron a sede de Endesa en Madrid para coñecer de preto o labor realizado por Integra Centro Especial de Emprego (Integra CEE) na inclusión laboral de persoas con diversidade funcional.

Ao encontro institucional, que tivo lugar o 26 de xaneiro, acudiron en representación da comisión os deputados do grupo parlamentario de Ciudadanos, Sergio del Campo Estaún, deputado da Comisión de Emprego e Seguridade Social do Congreso dos Deputados; Tomás Marcos, senador e responsable de políticas de discapacidade na Asemblea de Madrid, e Francisco Cano Fuster, deputado por Alacante. O encontro tamén contou con representantes da Asociación de Centros Especiais de Emprego de Madrid (ACEEM), da Confederación Nacional de Centros Especiais de Emprego (CONACEE), de Endesa e de Clece.

Integra CEE, como parte de Clece, contou aos asistentes o labor global da compañía na integración de persoas con diversidade funcional grazas á que, dos 71 982 empregados de Clece, 6 926 pertencen a este colectivo, un labor no que Integra CEE vén asumindo un protagonismo crecente. Na actualidade presta servizos a 269 empresas e institucións e ten máis de 2 600 traballadores, dos cales o 87 % presenta algún tipo de discapacidade, moi por riba do 70 % que establece a normativa para este tipo de empresas.

Para levar a cabo esta actividade, Juan José Laguna, director xeral do Grupo Integra, destacou o «imprescindible» papel da unidade de apoio formada por 58 empregados. «Favorece a creación dunha contorna positiva para a inclusión, detecta necesidades e resolve calquera problema que poida xurdir, dende a selección do empregado, á súa incorporación, pasando pola formación e o desempeño laboral. Só en 2015, levou a cabo 12 506 accións sociolaborais», explicou.

Pola súa banda, Endesa compartiu a súa experiencia na incorporación de Integra CEE para a xestión dos seus servizos auxiliares remarcando «o nivel de calidade acadado ao tratarse do servizo mellor valorado polos clientes internos». Finalizada a sesión explicativa, efectuouse unha visita ao equipo de traballadores encargado de realizar estes servizos. Os participantes puideron intercambiar así impresións en primeira persoa cos empregados sobre a súa experiencia laboral no centro especial de emprego.

A visita puxo de relevo a situación de desigualdade no emprego que experimentan as persoas con discapacidade no noso país, onde as taxas de desemprego e inactividade son máis altas entre a poboación con discapacidade ca entre a poboación sen discapacidade, e sitúanse por riba da media europea. Só un de cada catro traballadores con discapacidade dispón dun emprego. Neste marco, é clave o papel do sector dos CEE como instrumento imprescindible de xeración de emprego para as persoas con discapacidade, xa que máis do 70 % dos traballadores con discapacidade que traballan na actualidade desenvolven a súa actividade dentro dun CEE.