«Os traballadores de colectivos vulnerables achegan motivación, implicación e melloran o clima laboral das empresas»

«Os traballadores de colectivos vulnerables achegan motivación, implicación e melloran o clima laboral das empresas»

O IV Foro-Coloquio «Clece pola Integración» aborda a integración laboral de colectivos socialmente vulnerables.
Clece, promotora da iniciativa, integra 6549 persoas destes colectivos nun cadro de persoal de máis de 73 200 empregados.

Valladolid, 3 de xuño de 2016. Mellorar a empregabilidade e explorar fórmulas de cooperación público-privada son algunhas das claves que contribuirán a un mercado laboral con igualdade de oportunidades para todos. Esta é unha das principais conclusións tiradas do IV Foro «Clece pola Integración» celebrado onte baixo a lema «EMPREGANdo o talento» no Teatro Calderón de Valladolid.

O foro, organizado pola empresa Clece, congregou distintos actores implicados na integración de colectivos socialmente vulnerables, como persoas con discapacidade, persoas en risco de exclusión social, vítimas da violencia de xénero e xente moza en situación de desemprego. Por parte da Administración interviñeron Rafaela Romero Viosca, concelleira delegada de Servizos Sociais do Concello de Valladolid, e Carlos Raúl de Pablos Pérez, xerente rexional de Servizos Sociais da Consellaría de Familia e Igualdade de Oportunidades da Xunta de Castela e León. En representación do sector educativo participou Felicidad Viejo Valverde, vicerreitora de estudantado da Universidade de Valladolid (UVA), e dende o ámbito da orientación laboral falou Verónica Muñoz Salgado, orientadora laboral do Concello de Valladolid. Por parte de Clece asistiron Cristóbal Valderas, presidente de Clece, e Purificación González, directora de Recursos Humanos de Clece, que deron a visión da empresa privada, mentres que os testemuños dos traballadores viñeron da man de Melanie Blanco García e María Fernández Barrul, ambas empregadas de Clece.

As experiencias compartidas por Melanie Blanco García, en representación do colectivo de xente nova, e de María Fernández Barrul, vítima da violencia de xénero, puxeron de manifesto que, malia a multicausalidade das situacións de vulnerabilidade, todos estes colectivos comparten barreiras de acceso ao mercado laboral. Entre as principais barreiras que se puxeron de manifesto no foro sinálanse a escasa formación e cualificación, a falta de motivación, a baixa experiencia e a falta de información, problemas aos que cómpre engadir condicionantes da contorna, como a precariedade laboral ou os estereotipos e prexuízos sociais.

Para combater estas dificultades, Carlos Raúl de Pablos Pérez insistiu no valor do pacto social. «O éxito do modelo de servizos sociais é precisamente que a Xunta non é a única protagonista, senón que se basea na colaboración coas corporacións locais e no acordo social». Este pacto social ponse de manifesto na II Estratexia Integrada do Emprego 2016-2020 posta en marcha pola Administración autonómica que contempla un plan laboral específico para colectivos vulnerables. «Máis que de gasto social hai que falar de investimento social, porque cada euro que se inviste reverte na sociedade en máis de 2,3 veces» sinalou.

Desde o papel da administración local, Rafaela Romero Viosca puxo o acento no potencial da colaboración público-privada, así como nunha política pública responsable en relación a medidas como a «inclusión de reservas de contratos para centros especiais de emprego e cláusulas sociais nos contratos públicos» co obxectivo de facilitar o acceso ao emprego ás persoas e colectivos en situación desfavorecida. Rafaela tamén sinalou a necesidade de traballar sobre a calidade do emprego para evitar que «tamén os traballadores sexan persoas vulnerables debido a salarios precarios».

Axeitar a formación á demanda laboral

Un dos grandes retos para fomentar a integración é o de aumentar a empregabilidade das persoas mediante a orientación, a formación profesional e o acompañamento cara ao emprego. Desde o ámbito educativo, Felicidad Viejo Valverde comentou que os «estudantes atopan un apoio moi importante nas prácticas» para facilitar o acceso ao emprego. Ademais, desde a universidade outra vía que se fomenta é «a mobilidade, con bolsas para que os mozos poidan ir fóra, formarse e coller experiencia». Desde o ámbito da orientación laboral, Verónica Muñoz Salgado sinalou «a cronificación dos parados de longa duración como un problema de gran dimensión» dentro das distintas situacións de vulnerabilidade cara ao mercado laboral.

A responsabilidade da empresa

Cristóbal Valderas Alvarado contou como «desde Clece se traballou nun modelo integrador que demostra como o emprego xoga un papel clave na igualdade de oportunidades e na equidade social. Coa colaboración diaria de 350 asociacións, hoxe 6549 traballadores do noso cadro de persoal proceden de colectivos socialmente vulnerables. En só tres anos, a evolución foi de 3000 a máis de 6500 persoas». Entre eses colectivos vulnerables, o presidente de Clece alertou sobre o especial risco «dos maiores de 45 anos, a meirande parte deles, parados de longa duración e con cargas familiares». Purificación González Pérez destacou a necesidade de «favorecer a engrenaxe no triángulo formado polo terceiro sector, a Administración e as empresas» para lograr a integración destas persoas en situación desfavorecida que «achegan valores intanxibles como a motivación, a implicación e a mellora do clima laboral, e que son exemplo de superación de situacións complicadas».

En primeira persoa

En representación da xente nova, Melanie Blanco García deu unha mensaxe de optimismo xa que ela poderá desenvolver o seu traballo de fin de carreira grazas á oportunidade laboral que lle deu Clece. Porén, Melanie, consciente dos grandes retos aos que se enfronta a súa xeración, reivindicou para os mozos «a oportunidade de ter unha vida, unha casa e non depender dos pais, que tamén en moitas ocasións atravesan momentos de dificultade». Pola súa banda, María Fernández Barrul, vítima da violencia de xénero, atopou no emprego unha saída. «Co traballo síntome realizada e teño a satisfacción de axudar os meus fillos e de ter a liberdade de valerme por min mesma». A todas as mulleres que atravesaron a súa situación animounas «a non se renderen, a quitaren da mente o ‘non podo’ e a que, en definitiva, sempre hai unha saída á violencia de xénero».