Maior financiamento e dignificación do sector, algúns retos do futuro do SAD debatidos no Foro de Xaén

Maior financiamento e dignificación do sector, algúns retos do futuro do SAD debatidos no Foro de Xaén

A necesidade de mellorar o financiamento, dignificar a profesión e mellorar este servizo tan importante na nosa sociedade: esta é unha das principais conclusións do Foro-Coloquio sobre o Futuro do SAD en Xaén que tivo lugar o 7 de marzo no Palacio de Congresos de Xaén.

No encontro púxose de relevo a necesidade de financiamento por parte das administracións públicas que son as que definen os prezos por hora nos pregos de condicións dos concursos públicos. Para Cristóbal Valderas, presidente de Clece, «non hai dúbida de que a axuda no domicilio é un servizo público. Outra cousa é a xestión, que pode ser directa ou indirecta, en mans de empresas privadas. No caso de Clece achega eficacia, reduce os custos e supón unha maior innovación tecnolóxica».

Francisco Javier Márquez, alcalde de Xaén, destacou a necesidade de contar con máis medios económicos e humanos para o servizo de axuda no domicilio dada a situación de envellecemento da poboación no noso país. O coloquio congregou representantes da Administración pública, a empresa privada e axentes sociais, entre eles, M.ª Eugenia Valdivieso, deputada de Igualdade e Benestar Social de Xaén; Francisco Cantero, secretario xeral de CCOO de Xaén; Manuel Salazar, secretario xeral de UGT en Xaén, e Cristóbal Valderas Alvarado, presidente de Clece.

Francisco Cantero, secretario xeral de CCOO de Xaén, fixo fincapé na necesidade de que «se dote de maior partida orzamentaria á dependencia, que non se converta nun nicho de precariedade. As traballadoras son anxos da garda dos nosos maiores e moitas veces están a tapar con recursos propios o que non lles dá a lei».

Nesta mesma liña argumental, Manuel Salazar, secretario xeral de UGT en Xaén, falou dos baixos prezos estipulados nos pregos: «A 12 euros por hora é imposible que se poida dar un servizo de calidade. Empresas como Clece retíranse de concursos cando o prezo é precario e aparecen empresas pirata que ofrecen un mal servizo».

«Se nun prego se fai unha licitación que está por baixo dos custos do servizo estamos, como pouco, ante unha mala praxe» comentou Cristóbal Valderas. Neste sentido, o debate está nas dificultades, en moitos casos, para mellorar as condicións dos traballadores: «Non podemos aprobar leis que non podemos financiar; 80 persoas ao día morren coa lei de dependencia aprobada e sen que reciban a atención axeitada. Por iso, hai que enfrontarse á pregunta de se se vai cumprir a lei ou hai que cambiala».

Pola súa parte, M.ª Eugenia Valdivieso, deputada de Igualdade e Benestar Social de Xaén, destacou o SAD como un dos servizos máis importantes que xestiona a deputación provincial e apuntou a necesidade do traballo conxunto das administracións para mellorar os soldos do persoal deste servizo e dotalo de maiores recursos.

Outro tema dos que se debateron foi o das diferenzas salariais dos traballadores do SAD segundo a comunidade autónoma con datos sobre a mesa, como as diferenzas do prezo por hora no País Vasco, de 30 euros, fronte aos 13 euros que se pagan en Andalucía. Todos os participantes no foro coincidiron na necesidade de traballar por unha equiparación salarial en todo o estado e por mellorar as condicións de traballo. O Convenio Nacional de Axuda no Domicilio é onde se recollen os salarios de axuda no domicilio. Como apuntou Cristóbal Valderas, este ano, por vez primeira, Clece participa na negociación do devandito convenio.

Así mesmo, todas as persoas participantes concluíron o debate reafirmando a necesidade de contar con maior financiamento e que as traballadoras e traballadores do SAD conten con mellores condicións laborais dada a gran importancia deste servizo na sociedade.