Clece pecha Laboral MAD con máis de 1800 candidatos entrevistados

Clece pecha Laboral MAD con máis de 1800 candidatos entrevistados

  • O evento, que tivo lugar na estación de Chamartín de Madrid, tiña como obxectivo fomentar a empregabilidade entre as persoas pertencentes a colectivos vulnerables e perfís interesados en traballar en atención social a maiores.
  • A compañía Clece ofertaba 2000 postos de traballo na Comunidade de Madrid.

 

Madrid, 24 de maio de 2018. Clece organizou por primeira vez na Comunidade de Madrid Laboral MAD, un encontro en que a compañía ofertaba 2000 postos de emprego dirixidos a dous perfís moi concretos: colectivos vulnerables e persoas interesadas en traballar en atención social a maiores.

Cunha duración de dous días (9 e 10 de maio), Laboral MAD tivo un grande éxito de afluencia. Clece entrevistou 1843 candidatos, co que cubriu a capacidade que tiña de entrevistas para as dúas xornadas, e recompilou máis de 1200 currículos adicionais de persoas que se entrevistarán nas próximas semanas.

«A resposta foi excepcional. Xa antes de abrir as portas de Laboral MAD superaramos na web habilitada para o rexistro os 2000 currículos. Boa parte destes conseguiuse grazas á colaboración de preto de 40 entidades sociais encargadas de facer o labor de mediación nos perfís de integración, e queremos darlles as grazas pola súa implicación», explica Iñigo Camilleri, responsable de Selección e Desenvolvemento de Clece.

 

Unha nova fórmula de selección

Laboral MAD foi un primeiro proxecto piloto deseñado a medida por Clece. Concibido como un espazo aberto en que xerar a mellor experiencia posible para o candidato, estaba dividido en tres áreas. Nas dúas primeiras, o candidato podía coñecer Clece e as características do traballo nunha contorna audiovisual e esperar a súa quenda nunha zona habilitada con Wi-Fi. A última zona contaba con máis de 20 postos onde técnicos de selección, de forma simultánea, entrevistaban as persoas candidatas que contaban cunha reserva de horario para a entrevista.

Malia o volume da convocatoria, Laboral MAD conseguiu escapar dos formatos tradicionais desenvolvendo con éxito unha nova fórmula de selección. «Estamos afeitos a procesos ordinarios de selección, pero buscabamos algo diferente e significativo, onde o candidato fose o protagonista», conta Rocío Márquez de la Plata, responsable de Selección de Clece na zona centro.

Con Laboral MAD, Clece creou un punto de encontro onde todos os elementos da cadea de valor da selección de persoal se unen no mesmo espazo: candidato, intermediario e empresa. «Cremos que é o formato idóneo para poder cubrir os 2000 postos que ofertabamos», comenta Íñigo Camilleri.

 

Preto de 40 entidades implicadas

Cómpre destacar a colaboración de preto de 40 entidades sociais que foron as encargadas de facer o labor de mediación nos perfís de integración: Fundación Adecco, Adoratrices, axencia de colocación San Román, axencia de emprego do Concello de Madrid, Alcer, Asociación Ángeles Urbanos, Asociación Cultural La Kalle, Asociación Victoria, Cruz Vermella, Eslabón, federación de asociacións Espina Bífida, Federación Mujeres Progresistas, Frama, Fundación Acobe, Fundación Cruz Blanca, Fundación Diversitas, Fundación Esclerose Múltiple, Fundación Integra, Fundación José María de Llanos, Fundación Mujeres, Fundación Randstad, Fundación Red Araña, Fundación San Ezequiel, Fundación Tengo Hogar, Incorpora Cruz Vermella, Incorpora Pinardi, Opción 3, PAHUET (Padroado de Orfos do Exército de Terra), Pinardi e servizo de orientación laboral da Fundación Atenea.

A súa implicación e labor, xunto co traballo en equipo dos departamentos de Recursos Humanos, Comunicación, Eventos e Imaxe, e IT-Informática de Clece, foi un dos aspectos clave do éxito de Laboral MAD.

 

Emprego social

Clece destaca pola súa aposta por dar oportunidades laborais a persoas con maiores dificultades para acceder ao mercado laboral. Na actualidade, dos seus case 74 000 empregados, máis dun 10 %, 7679 traballadores, proveñen de colectivos vulnerables. En concreto, 215 son vítimas da violencia de xénero, e 5631, persoas con diversidade funcional.

Igualmente, a empresa é un referente na atención ás persoas maiores. O grupo atende a nivel estatal 104 894 usuarios de axuda no domicilio e 10 408 usuarios de teleasistencia. No ámbito residencial xestiona integralmente 57 residencias e 34 centros de día. Para iso conta cun equipo de 29 505 profesionais.