«A Administración pública ten o acelerador para que a inclusión laboral medre exponencialmente»

«A Administración pública ten o acelerador para que a inclusión laboral medre exponencialmente»

  • Esta foi unha das conclusións de Cristóbal Valderas, presidente de Clece, que engadiu a necesidade de apostar pola formación como medida facilitadora da inserción sociolaboral.
  • Dos preto de 75 000 empregados que ten a compañía en toda España, 7547 son persoas procedentes de colectivos vulnerables e 471 traballan na rexión da Cornixa Cantábrica.

 

«Estamos no mellor momento de incorporación de colectivos desfavorecidos, pero queda moito por facer. A Administración pública ten o acelerador para que a inclusión laboral medre exponencialmente. Eles teñen as ferramentas na súa man para incrementar a integración de persoas de colectivos desfavorecidos.» Esta é unha das principais conclusións extraídas do VIII Foro «Clece pola Integración» que tivo lugar o pasado 1 de marzo no Palacio de la Magdalena de Santander baixo a lema «Falamos de inclusión laboral?».

No encontro púxose de relevo a necesidade de impulsar alianzas entre a empresa privada e a Administración pública, así como a necesidade de apostar pola formación para reducir as taxas de paro das persoas con discapacidade, persoas en risco de exclusión e mulleres vítimas da violencia sexista.

Gema Igual Ortiz, alcaldesa de Santander, foi a encargada de abrir este coloquio que congregou representantes da Administración pública, da empresa privada e dos axentes sociais, así como traballadores provenientes destes colectivos. No foro participaron, entre outros, Roberto del Pozo López, concelleiro de Autonomía Persoal do Concello de Santander; Francisco Javier Gutiérrez Iglesias, primeiro tenente da alcaldía do Concello de Cabezón de la Sal; Tomás Castillo Arenal, xerente da asociación de persoas con discapacidade Amica; Cristóbal Valderas Alvarado, presidente de Clece; e María José M. N., vítima de violencia de xénero e traballadora de Clece.

Como representante dun dos colectivos máis afectados, Tomás Castillo Arenal, xerente da asociación de persoas con discapacidade Amica, puxo de relevo as últimas cifras: «Estamos a avanzar. Bateuse o récord de contratacións en 2017 de persoas con discapacidade, máis de 110 000 persoas contratadas».

Roberto del Pozo López, concelleiro de Autonomía Persoal do Concello de Santander, engadiu que sen dúbida «estas cifras reflicten un cambio de mentalidade da sociedade e dannos esperanza, pero é necesario seguir derrubando barreiras e prexuízos».

Pola súa banda, Javier Gutiérrez Iglesias, primeiro tenente da alcaldía do Concello de Cabezón de la Sal, destacou que «necesitamos que as empresas e a industria innoven para incluír estes colectivos. O intercambio de ideas é necesario entre a Administración publica e as empresas para formar as persoas e axudalas á súa incorporación ao mercado laboral».

«Os Concellos non teñen capacidade no emprego, pero si na toma de decisión das empresas que contratan, nos pregos de condicións e nas cláusulas sociais», subliñou Cristóbal Valderas.

O punto de vista máis humano e persoal ao problema púxoo María José M. N., vítima de violencia de xénero e traballadora de Clece, que representa «un logro en si mesma», en palabras da moderadora do foro, Elena Díez-Fuentes. Ela comezou cun contrato temporal en 2015 que logo se transformou en indefinido e que lle cambiou a vida; «O traballo deume a vida. Foi a miña terapia. Empezar a traballar para Clece permitiume valerme por min mesma e recuperar a confianza», engade.

A formación como medida necesaria na inserción laboral

Outro dos aspectos máis repetidos no foro foi a necesidade de fomentar a formación como medida facilitadora da inserción sociolaboral. Neste sentido, Cristóbal Valderas destacou o forte compromiso realizado nesta materia nos últimos anos e, especialmente, en 2017. «No último ano formamos máis de 22 300 participantes en 2000 cursos de formación nos ámbitos de actividade de servizos sociais, seguridade, servizos educativos, limpeza e mantemento, entre outros. Deles, 1192 eran persoas con discapacidade, 148 eran traballadores pertencentes ao colectivo de exclusión social e 33 eran mulleres vítimas de violencia de xénero».

Este compromiso social de Clece pola empregabilidade e a formación está no ADN da empresa e fixo posible que hoxe a compañía conte con preto de 75 000 empregados e presenza en todo o territorio nacional. Deles, 7547 son traballadores de colectivos desfavorecidos. En concreto, na Cornixa Cantábrica, a empresa conta con 2950 empregados dos que 471 son persoas procedentes destes colectivos vulnerables.

Como conclusións da xornada, cada un dos relatores resumiu un obxectivo ou unha esperanza. «Conseguir que a sociedade sexa consciente de que os obxectivos que se conseguen son para todos», foi o sinalado por Roberto del Pozo; Javier Gutiérrez engadiu a importancia de «traballar en formación, desenvolvemento e innovación»; Tomás Castillo mencionou que «incluír é enriquecer toda a sociedade», María José M. N. dixo que o seu soño é manter o seu emprego e facer algo máis en formación para mellorar; e, por último, Cristóbal Valderas engadiu que Clece ten o reto de contratar 139 mulleres vítimas da violencia sexista segundo o compromiso adquirido na III edición dos Premios Compromiso. Actualmente, indica con orgullo: «Xa alcanzamos a cifra de 49 empregos. Niso andamos».