FUNDACIÓN SANTA MARÍA LA REAL E CLECE ALCANZAN UN ACORDO PARA FOMENTAR A INCLUSIÓN LABORAL

FUNDACIÓN SANTA MARÍA LA REAL E CLECE ALCANZAN UN ACORDO PARA FOMENTAR A INCLUSIÓN LABORAL

O director do programa Lanzadeiras de Emprego na Fundación Santa María La Real, Álvaro Retortillo Osuna, e a responsable de Recursos Humanos de Clece Noroeste, Leticia San José Barriga, rubricaron hoxe un convenio de colaboración para promover actividades conxuntas para mellorar a empregabilidade e a inserción laboral dos participantes das lanzadeiras.

A Fundación Santa María La Real acadou en decembro de 2016 un acordo de colaboración con Clece para aplicar nas lanzadeiras de emprego que a fundación impulsa e xestiona no territorio sur do país. Tras o bo resultado obtido, ambas as entidades amplían a súa alianza con este novo convenio de colaboración, que se cingue á parte noroeste da península.

O acordo acadado establece que voluntarios de Clece impartirán obradoiros prácticos sobre diferentes materias (procura de emprego, entrevistas de traballo etc.) nas lanzadeiras de emprego que a Fundación Santa María La Real pon en marcha na zona norte do país coa colaboración e cofinanciamento de diferentes administracións públicas e/ou entidades do ámbito privado.

Clece facilitará tamén aos participantes do programa a posibilidade de participar en procesos de mediación laboral e ofertas de emprego que a empresa xere na zona Noroeste.

 

Alianza estratéxica

Álvaro Retortillo sinalou que o acordo alcanzado con Clece no territorio sur deu moi bos resultados, tanto polas valiosas experiencias e consellos que os voluntarios e traballadores da compañía compartiron cos participantes, como polas propias oportunidades de emprego e insercións laborais que se rexistraron. «Con estes bos antecedentes, ampliamos agora a nosa alianza con Clece, cun colaborador e socio estratéxico pola diversidade de áreas e actividades que realiza, e polo seu especial compromiso social na loita contra o paro».

Leticia San José Barriga, responsable de Recursos Humanos na zona Noroeste, mostrou a súa satisfacción por poder «ampliar a outras zonas a colaboración coa fundación, contribuíndo a afianzar as lanzadeiras de emprego no ámbito do novo convenio. Porque cremos na eficacia das lanzadeiras como un recurso de inserción laboral, sobre todo para colectivos como o da xente nova, con tantas dificultades de acceder ao mercado laboral, cunha das taxas de desemprego máis altas da eurozona. Unha falta de oportunidades que tratan de suplir con proactividade, innovación e emprendemento como queda de manifesto neste programa de lanzadeiras de emprego».

 

Sobre as lanzadeiras de emprego

As lanzadeiras de emprego nacen en 2013 na Fundación Santa María La Real (a entidade que décadas atrás creou as escolas-taller) como un programa de innovación social, como un programa de orientación laboral para axudar a persoas desempregadas a saír da soidade do paro, a recuperar a súa autoestima, activar e optimizar a súa procura de traballo con novas técnicas e ferramentas, acordes ás necesidades do mercado laboral.

Desde a súa posta en marcha até a actualidade, a Fundación Santa María La Real puxo en marcha máis de 440 lanzadeiras de emprego por todo o país coa colaboración de diferentes administracións públicas e entidades privadas, chegando así a máis de 9000 persoas desempregadas e logrando unha media de inserción que se achega ao 60 %.