O Centro Alzheimer Fundación Reina Sofía, recoñecido coa prestixiosa acreditación do Joint Comission International

O Centro Alzheimer Fundación Reina Sofía, recoñecido coa prestixiosa acreditación do Joint Comission International

  • É o primeiro centro de atención de longa estancia en España centrado na enfermidade do alzhéimer que conta con esta distinción, considerada o estándar de ouro na atención global.
  • Só hai outros 33 centros máis no país con esta acreditación internacional, incluíndo hospitais, centros de atención primaria e ambulatorios.

 

O Centro Alzheimer Fundación Reina Sofía foi recoñecido coa prestixiosa acreditación do Joint Comission International pola calidade e seguridade na súa xestión e os seus servizos de atención ao usuario, cun cumprimento do 97 % nos estándares.

Esta residencia pública da Comunidade de Madrid, xestionada por Clece Servicios Sociales, é unha das tres residencias asistenciais en España de coidado a longo prazo e o primeiro centro dedicado á enfermidade do alzhéimer que conta con esta distinción, considerada o estándar de ouro na atención global. En España só hai outros 33 centros máis con esta acreditación, incluíndo hospitais, centros de atención primaria e centros ambulatorios. Deles, 5 organizacións atópanse na Comunidade de Madrid, incluíndo hospitais e centros de atención ambulatoria, ademais do Centro Alzheimer Fundación Reina Sofía, que é o único deles de xestión pública.

Joint Commission International é a organización encargada de medir, identificar e compartir as mellores prácticas a nivel mundial relacionadas coa calidade asistencial e a seguridade dos pacientes. Os seus expertos, con presenza en 90 países, traballan con hospitais e outras organizacións sanitarias e asistenciais de todo o mundo para lograr o mellor desempeño na atención aos pacientes e na asistencia.

«Estamos moi orgullosos de ser recoñecidos con esta acreditación que pon de manifesto publicamente que o centro cumpre os máis esixentes requisitos en materia de calidade e que pon de relevo o traballo diario que realizamos para ofrecer un servizo asistencial centrado na persoa ao longo de todo o proceso, desde a súa chegada á organización até o momento da súa baixa», comenta Cristina Rodríguez Fernández, directora xerente do Centro Alzheimer Fundación Reina Sofía.

Este certificado avalía todos os aspectos da xestión, orientando todas as fases cara á eficiencia e as mellores prácticas, fomentando unha cultura de seguridade do usuario para reducir riscos nos procesos clínicos e asistenciais. Avalía 239 estándares e 914 elementos de medida, distribuídos nos estándares centrados no residente e na organización sanitaria. Ademais, representa un proxecto común de mellora para directivos e profesionais cun enfoque asistencial centrado no usuario.

Centro de referencia en alzhéimer

O Centro Alzheimer Fundación Reina Sofía, que cumpriu este ano o seu décimo aniversario, é un complexo asistencial de referencia en alzhéimer polo que pasaron máis de 650 doentes entre a residencia e o centro de día desde a súa inauguración o 8 de marzo de 2007. Nel abórdanse simultaneamente a enfermidade desde tres ángulos complementarios: investigación, formación e servizo asistencial para doentes.

Un dos aspectos máis destacados do Centro Alzheimer Fundación Reina Sofía é a convivencia nun mesmo espazo de tres áreas fundamentais de traballo na enfermidade do alzhéimer: unha unidade de investigación que é a Fundación CEN (Centro de Investigación de Enfermidades Neurolóxicas) xestionada a través do Instituto de Saúde Carlos III do Ministerio de Economía, Industria e Competitividade; un centro de formación especializado en demencias, e un centro asistencial formado por unha residencia de estancia permanente para 156 persoas e un centro de día para 40 persoas e 20 prazas de respiro familiar, xestionados pola Consellería de Políticas Sociais e Familia a través da empresa Clece Servicios Sociales.