CLECE ANUNCIA O COMPROMISO DE CONTRATAR 139 VÍTIMAS DA VIOLENCIA DE XÉNERO NOS III PREMIOS COMPROMISO

CLECE ANUNCIA O COMPROMISO DE CONTRATAR 139 VÍTIMAS DA VIOLENCIA DE XÉNERO NOS III PREMIOS COMPROMISO

  • Clece comprométese a integrar 139 vítimas da violencia de xénero, o número de proxectos presentados a Mellor Proxecto Social.
  • A Asociación Deméter pola Igualdade, a Fundación ARED e a Fundación Novafeina, gañadoras na categoría de Mellor Proxecto Social na loita contra a violencia de xénero.
  • O Premio Especial do Xurado á personalidade máis relevante recaeu na deputada Carmen Quintanilla Barba.
  • Arturo Checa de Las Provincias e Chelo Tuya de El Comercio gañan ex aequo o premio ao Mellor Traballo Xornalístico.
  • O xurado concedeu mencións especiais á cineasta Icíar Bollaín e á Sección de Sociedade da Axencia EFE.

Clece Social, o proxecto social de Clece, celebrou onte a cerimonia de entrega dos seus Premios Compromiso que, nesta terceira edición, se dedicaron a recoñecer o compromiso de entidades, medios de comunicación e personalidades na loita contra a violencia de xénero.

Na categoría de Mellor Proxecto Social relacionado con mulleres vítimas da violencia de xénero realizado por entidades sen ánimo de lucro, resultaron premiadas as entidades Asociación Deméter pola Igualdade, a Fundación ARED e a Fundación Novafeina. Cada unha delas recibirá unha dotación económica de 10 000 euros. Na categoría de Mellor Traballo Xornalístico, os xornalistas Arturo Checa de Las Provincias e Chelo Tuya de El Comercio gañaron ex aequo o galardón dotado con 7 000 euros. O xurado concedeu ademais unha mención especial á Sección de Sociedade da Axencia EFE pola súa implicación e labor xornalístico.

O Premio Especial do Xurado á personalidade máis relevante na loita contra a violencia de xénero foi concedido á deputada Carmen Quintanilla Barba como recoñecemento á súa destacada traxectoria no apoio ás mulleres vítimas. Así mesmo, o xurado outorgou unha mención especial á cineasta Icíar Bollaín polo importante papel do cine como vehículo para retratar e xerar conciencia verbo do problema social da violencia sexista.

O cineasta e guionista Luis Lorente, presidente do xurado, felicitou as persoas premiadas e puxo en valor o labor de integración de Clece que «fai con empeño, medios e cun elemento esencial: con corazón», e salientou que o emprego «é o elo, ese banzo esencial na construción da escaleira que saca as mulleres do soto dos malos tratos».

Videocomunicado

Dar voz ás vítimas

«A diferenza de edicións anteriores, nesta ocasión quixemos dedicar os Premios Compromiso a todas as persoas que loitan a diario contra a violencia sexista; por riba de todo, ás propias vítimas. Sentiamos que era o momento axeitado para ter este xesto e reforzar a nosa implicación con estas mulleres que necesitan unha saída, unha oportunidade de refacer as súas vidas, de volver ser felices. Evolucionamos moito, mais a realidade segue a ser preocupante e hai moito por facer. Por iso, o noso obxectivo é sumar nesta loita que é de todos co que mellor sabemos facer, que é axudar á integración laboral, pero tamén sensibilizando a través de iniciativas como estes galardóns» afirmou José Andrés Elizaga, director de Comunicación de Clece.

Ao longo de toda a gala, celebrada nos Teatros del Canal de Madrid e conducida pola xornalista Sandra Golpe, quíxose escenificar un apoio real e próximo ás vítimas. Tres traballadoras de Clece, vítimas da violencia de xénero, foron as encargadas de entregar os galardóns na categoría de Mellor Proxecto Social. Ademais, os testemuños e historias persoais dalgunhas mulleres vítimas deron lugar a algúns dos momentos máis emotivos da gala. O evento tamén contou coa posta en escena dun fragmento do espectáculo coreografiado de Rotas dirixido por Luis Lorente coa colaboración da Fundación Ana Bella. Simbolizando a fraxilidade, mais tamén a fortaleza destas mulleres, centos de bolboretas de papel voaron polo auditorio, bolboretas confeccionadas por vítimas da violencia de xénero nunha das casas de acollida xestionadas por Clece en Valencia.

Cinco premiados e dúas mencións especiais

O xurado, integrado tanto por personalidades do mundo institucional coma da sociedade civil, elixiu os gañadores tras valorar 150 candidaturas e seleccionar seis finalistas na candidatura de Mellor Proxecto Social e tres na categoría de Mellor Premio Xornalístico. Os premiados na categoría de Mellor Proxecto Social foron:

  • Asociación Deméter pola Igualdade de Málaga, polo seu proxecto «Atención e intervención integral en fillos menores de nais vítimas da violencia de xénero». O programa busca empoderar as nais na súa función de educadoras e paliar as consecuencias derivadas da exposición á violencia de xénero nas nais e nos menores. Anualmente atende unha media de 240 usuarios.
  • Fundación para a reinserción de mulleres, ARED, de Barcelona, polo seu programa «Integración sociolaboral de mulleres vítimas da violencia de xénero» que busca mellorar a autonomía persoal, profesional e económica das mulleres atendidas, así como acadar a integración laboral. Conta con 25 beneficiarias directas que viven en situacións de pobreza e exclusión social.
  • Fundación Nova Feina de Valencia polo seu proxecto «Dona Impuls» dirixido a mellorar a empregabilidade das vítimas con accións de orientación sociolaboral, apoio e acompañamento no proceso de procura activa de emprego. O programa conta con 15 beneficiarias maiores de 18 anos e presta especial atención ás mulleres maiores de 45 anos para as que a idade supón unha maior dificultade de acceso ao mercado laboral.

Os gañadores na categoría de Mellor Traballo Xornalístico foron:

  • Chelo Tuya, xornalista de El Comercio, polas reportaxes realizadas durante unha semana para o especial #cuestiondetod@s publicado con motivo do Día Internacional da Violencia de Xénero en 2016 no diario asturiano.
  • Arturo Checa, xornalista de Las Provincias, por tres reportaxes publicadas no xornal valenciano: «El maltrato se ceba con los jóvenes», «Padre enemigo» e «Zancadillas tras el maltrato».

Nesta categoría tamén se entregou unha mención especial á Sección de Sociedade da Axencia EFE polo traballo en equipo e compromiso persoal na sensibilización sobre a violencia sexista. Durante o último ano, o labor xornalístico da Sección de Sociedade supuxo a difusión de preto de 900 informacións que reflicten todas as perspectivas do problema con rigor e profesionalidade.

Un premio á constancia

Por último, o Premio Especial do Xurado á personalidade máis relevante na loita contra a violencia de xénero foi concedido á deputada Carmen Quintanilla Barba pola súa experiencia e firme compromiso coas vítimas e os temas sociais. A súa loita constante e incansable contra a violencia de xénero foi recoñecida en numerosas ocasións, entre outros, co Premio do Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade en 2014 ou o Premio Menina da Delegación do Goberno de España en Andalucía en 2014.

O xurado tamén outorgou unha mención especial á cineasta Icíar Bollaín por representar o potencial da cultura e do cine para visibilizar e xerar debate sobre problemas sociais como a violencia sexista.

Baixo a presidencia de Luis Lorente, director de cine, e guionista e director da película Rotas, o xurado estivo integrado por María José Ordóñez, delegada do Goberno para a Violencia de Xénero; Lucía del Carmen Cerón, directora do Instituto da Muller e para a Igualdade de Oportunidades; Ángeles Carmona, presidenta do Observatorio contra a Violencia Doméstica e de Xénero; Marta Ariño, conselleira delegada de G+J España; Fernando Grande-Marlaska, maxistrado da Audiencia Nacional; Gemma Nierga, xornalista, e Cristóbal Valderas, presidente de Clece.

Froito dun compromiso

As mulleres vítimas da violencia sexista son un dos colectivos en que se focaliza o proxecto social de Clece, Clece Social, e sobre o que a compañía está especialmente sensibilizada. Ademais de xestionar casas de acollida para a administración pública, Clece desenvolve iniciativas de concienciación, como os Foros pola Integración, que se organizan en distintas comunidades autónomas para falar sobre os problemas deste colectivo; campañas con motivo do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, e está involucrada en proxectos institucionais tan importantes como «Hai saída».

A compañía realiza tamén un esforzo pola integración laboral de persoas deste colectivo. Actualmente, máis de 180 mulleres que sufriron a violencia machista forman parte activa do cadro de persoal de Clece. Tras os III Premios Compromiso, este número incrementarase de modo significativo, xa que a empresa se comprometeu a integrar unha muller vítima de violencia de xénero por cada un dos proxectos presentados por entidades sen ánimo de lucro á categoría de Mellor Proxecto Social, o que suporía 139 contratacións.

O labor de apoio e integración de vítimas da violencia sexista de Clece recibiu o recoñecemento de mans do presidente do Goberno en 2016 e foi tamén a única compañía convidada na ONU para presentar o seu modelo de integración de mulleres vítimas de violencia de xénero.