CLECE E RASTROSOLIDARIO ASINAN UN ACORDO PARA CONVERTER O ACEITE USADO EN AXUDAS SOCIAIS

CLECE E RASTROSOLIDARIO ASINAN UN ACORDO PARA CONVERTER O ACEITE USADO EN AXUDAS SOCIAIS

A entidade social RastroSolidario e a empresa de multiservizos Clece asinaron un convenio de colaboración para promover a recollida de aceite usado con fins sociais.

O acordo foi asinado por José Ramón Cuesta, presidente da ONG, e Carlos Comín, director de Calidade e Medio Ambiente de Clece, que manifestaron a súa satisfacción pola sinatura.

«Pasamos a asumir a xestión do residuo do aceite usado nos máis de 400 puntos en que Clece presta os seus servizos de restauración, así que a colaboración supón todo un reto loxístico e social, e hei de dicir que estamos encantados de asumilo. É unha oportunidade de demostrar que as ONG podemos ser tan eficientes coma as empresas» afirmou José Ramón Cuesta.

Pola súa banda, Carlos Comín engadiu «RastroSolidario danos a oportunidade de axuntar o noso compromiso ambiental e social, polo que estamos convencidos de que é a mellor das opcións para xestionar o aceite usado que xeramos nos nosos servizos de restauración. Gañamos un socio que nos axudará no uso eficiente e responsable dos nosos recursos como clave para a protección e coidado da contorna, á vez que nos permite dotar de recursos a entidades sociais afíns ao noso proxecto social, orientado á integración de colectivos sociais e mediante o que xa colaboramos con 350 organizacións».

No marco do acordo, Clece pasa a doar a RastroSolidario os aceites vexetais usados que, no último ano, supuxeron preto de 30 000 quilos. A entidade comprométese a conseguir unha valorización económica destes: 200 euros por cada tonelada. Esta valorización económica será destinada integramente a aquelas ONG adscritas seguindo o criterio de repartición que Clece determine. Para a obtención desta valorización económica, RastroSolidario conta con acordos subscritos con distintos xestores autorizados para o tratamento deste residuo.