«É necesario superar estereotipos para que as persoas con discapacidade teñan igualdade de oportunidades co emprego»

«É necesario superar estereotipos para que as persoas con discapacidade teñan igualdade de oportunidades co emprego»

As taxas de actividade e paro para este colectivo mostran valores claramente negativos en comparación co conxunto da poboación.

A falta de información e a inadecuación dos candidatos aos postos ofertados, limitacións que dificultan a contratación de persoas con discapacidade.

O descoñecemento, a inadecuación entre perfís e postos, así como a percepción errónea dos empresarios son as principais limitacións das persoas con discapacidade para accederen ao mercado laboral en igualdade de oportunidades. Esta é unha das principais conclusións extraídas do V Foro «Clece pola Integración» celebrado o pasado martes baixo o lema «Capaces de superarse» no Teatro Echegaray de Málaga. O foro, organizado pola empresa Clece, reuniu distintos actores implicados na integración laboral de persoas con discapacidade para falar das barreiras e oportunidades laborais deste colectivo.

O evento foi inaugurado por Francisco Manuel de la Torre Prados, alcalde de Málaga, quen agradeceu a Clece a elección de Málaga para a celebración da quinta edición do foro. Como relatores contou coa participación de Francisca Bazalo Gallego, tenente da alcaldía, delegada da Área de Accesibilidade do Concello de Málaga e deportista paraolímpica; Ana María Jiménez Bartolomé, directora técnica de Servizos Sociais e Centros Asistenciais da Deputación de Málaga; Cristina San Millán Valls, directora do Centro de Valoración e Orientación en Málaga e concelleira delegada de Accesibilidade da Xunta de Andalucía; Miguel Ángel de Pedro, coordinador oriental da Fundación Adecco; Cristóbal Valderas Alvarado, presidente de Clece; Purificación González Pérez, directora de Recursos Humanos de Clece, e Lola Torre Montilla, responsable da coordinación do SAD do Concello de Málaga. Así mesmo, o foro contou con Laura Ramos Nuñez e Antonio Bueno Tejado, traballadores con discapacidade.

O encontro puxo de relevo a desigualdade de condicións laborais para o colectivo da discapacidade en comparación co conxunto da poboación. Así, mentres o dato de paro da poboación española, segundo os datos de 2014, era do 20,3 %, entre a poboación con discapacidade o desemprego situábase no 32,2 %. Ademais, entre a xente nova con discapacidade, a taxa de paro era do 67,6 %. Neste contexto, máis dun 81 % das empresas incumpre a cota de integración establecida por lei do 2 % de traballadores con discapacidade.

Francisca Bazalo Gallego, tenente da alcaldía e delegada da Área de Accesibilidade do Concello de Málaga e deportista paraolímpica, sinalou a inadecuación de perfís como unha das causas. «Non é fácil favorecer a integración laboral porque historicamente as persoas con discapacidade non tivemos acceso á formación axeitada. Isto fixo que non estivésemos preparadas para acceder a determinados postos. Porén, os tempos mudaron e agora hai que pedir que nos dean a oportunidade de coñecernos».

Pola súa banda, Ana María Jiménez Bartolomé, directora técnica de Servizos Sociais e Centros Asistenciais da Deputación de Málaga, afirmou que no caso concreto da deputación «excédese a obrigatoriedade legal do 2 % de contratación de persoas con discapacidade até chegar ao 7 %, e foméntanse medidas positivas, como favorecer a contratación pública daquelas empresas que, a igualdade de condicións económicas, teñen un maior número de empregados con discapacidade».

Cristina San Millán Valls, directora do Centro de Valoración e Orientación en Málaga e concelleira delegada de Accesibilidade da Xunta de Andalucía, destacou «a boa predisposición deste colectivo» á hora de buscar emprego, así como a «prioridade que se lle debe dar á valoración de temas laborais, xa que o emprego é clave para a integración».

Para Miguel Ángel de Pedro, coordinador oriental da Fundación Adecco, o descoñecemento é unha das principais limitacións: «O descoñecido provoca medo e o medo provoca rexeitamento. É moi importante conseguir sintonía entre a persoa e o que a empresa pode ofrecer».

229 traballadores con discapacidade en Clece Málaga

O foro enmárcase en Clece Social, o proxecto social da compañía, que se dirixe a colectivos socialmente desfavorecidos, como persoas con discapacidade, persoas en risco de exclusión social, mulleres que sofren violencia sexista e xente nova desempregada de longa duración, así como a colectivos con especiais necesidades de atención, como crianzas e maiores. Para eles, a compañía desenvolve catro liñas de actuación: empregabilidade, integración, sensibilización e coidado de persoas.

Neste contexto, o labor de integración laboral levado a cabo por Clece posibilitou que, na actualidade, máis dun 9,8 % do seu cadro de persoal proceda destes colectivos. Dos seus 73 852 empregados a escala estatal, 7 300 traballadores son de integración e, en concreto, 5 194 teñen algún tipo de discapacidade. No caso de Málaga, Clece conta con 4 163 empregados, 327 procedentes de colectivos desfavorecidos e 229 con algunha discapacidade.

Antonio Bueno Tejado e Laura Ramos Núñez son dous destes traballadores. Antonio, con discapacidade sensorial por hipoacusia en oído esquerdo do 37 % sobrevida nun accidente, traballa como técnico de mantemento do Concello de Fuengirola. Para el «hai que ver na discapacidade un trampolín ao emprego. Aos 45 anos, a minusvalía abriume un campo para atopar traballo». Pola súa banda, Laura Ramos Nuñez, tamén con discapacidade auditiva sobrevida do 65 %, contou ao auditorio como moitas persoas con discapacidade se teñen que enfrontar ao que ela acuñou como «indefensión apresa», ou o negativo efecto de que che repitan en numerosas ocasións que non vales, o que te pode levar a desistir. Agora, Laura é auxiliar do SAD do Concello de Málaga en Integra CEE.

«Para conseguir casos de éxito como os de Antonio e Laura e chegar a máis dun 9,8 % de integración no cadro de persoal cómpre romper con estereotipos, ver as capacidades dos traballadores e non as súas discapacidades. Non é un proceso fácil pero as empresas grandes temos a responsabilidade de abrir o camiño e eliminar as barreiras que nos leven a normalizar a contratación deste colectivo», afirma Cristóbal Valderas Alvarado, presidente de Clece, quen tamén sinalou «a inclusión de cláusulas sociais na contratación pública como unha vía positiva para favorecer a integración deste colectivo». Por outra banda, apuntou que «a captación de persoas con discapacidade faise, fundamentalmente, a través de fundacións e asociacións, polo que a colaboración con máis de 350 entidades é fundamental no proxecto de Clece».

Purificación González Pérez, directora de Recursos Humanos de Clece, insistiu na necesidade de «romper barreiras e estereotipos desde todas as partes implicadas. O candidato na entrevista ten que contar a súa discapacidade e a empresa debe saber as vantaxes que ten para a súa contratación. E desde Selección hai que ver que o perfil sexa o axeitado». Outras claves para facer da integración un proxecto duradeiro e sólido son «o acompañamento do traballador desde a súa incorporación e posterior seguimento, así como a sensibilización e implicación de todos os empregados no proxecto».

Lola Torre Montilla, responsable de coordinación do SAD do Concello de Málaga, resaltou a importancia da implicación dos compañeiros de traballo porque «a experiencia é moi positiva e ao final non aprecias a diferenza entre traballadores con e sen discapacidade».

Sensibilizar para mobilizar

Xunto ao importante labor de integración, Clece Social fai un notable esforzo en sensibilización acerca da realidade social que viven estes colectivos socialmente vulnerables. Para iso, apoia iniciativas sociais de terceiros, como xornadas, carreiras populares ou campañas, á vez que promove iniciativas propias. Entre as máis destacadas pódense sinalar os Premios Compromiso, os foros-coloquio pola integración ou o portal www.clecesocial.es. Málaga foi a sede da quinta edición do Foro-Coloquio pola Integración, cuxas edicións anteriores se celebraron en Madrid, Valencia, As Palmas de Gran Canaria e Valladolid, dedicados respectivamente a discapacidade, violencia de xénero, exclusión e colectivos socialmente vulnerables.

Galería V Foro por la Integración