O Hospital Xeral de Valencia impulsa novas medidas contra a violencia de xénero

O Hospital Xeral de Valencia impulsa novas medidas contra a violencia de xénero

• Anuncio do I Premio á Investigación Aplicada á Detección da Violencia de Xénero

O Hospital Xeral Universitario de Valencia e Clece celebraron unha xornada de sensibilización e acción social para contribuír a mellorar a detección dos casos de violencia de xénero no ámbito dos servizos sanitarios mediante protocolos de actuación que permitan unha intervención máis eficaz.

A xornada foi inaugurada pola directora xeral de Xustiza da consellaría, María Ángels García Vidal, que destacou que «en todo o 2015 se detectaron un total de 162 casos de violencia de xénero no Departamento de Saúde-Valencia Hospital Xeral, mentres que só no dez primeiros meses de 2016 o hospital e os seus centros de saúde xa rexistraron un total de 195 partes por violencia de xénero, segundo datos da Dirección Xeral de Saúde Pública».

Con máis de 200 asistentes, a xornada incluíu unha mesa redonda titulada «Sensibilización fronte á violencia de xénero desde o espazo sanitario», en que se insistiu na necesidade de normalizar e sistematizar nas propias consultas as preguntas ao redor dos posibles malos tratos que poidan sufrir as mulleres co fin de lograr que os espazos sanitarios sexan lugares eficaces onde erradicar o problema.

A mesa estivo moderada pola directora de Atención Primaria do departamento, Amparo Esteban, e interviñeron diferentes especialistas na materia. A presidenta da Sección de Violencia Doméstica do Colexio de Avogados de Valencia, Alicia Bayarri, presentou as «cifras da vergoña» ao mostrar as estatísticas dos últimos anos e describir como se traballa nos xulgados especializados en atención ás vítimas.

A deputada de Mocidade, Deportes e Igualdade, Isabel García, presentou o traballo da deputación nesta materia. M.ª Ángeles Celada, traballadora social de Atención Primaria do departamento, explicou o uso do protocolo SIVIO para os profesionais sanitarios e a importancia do papel das traballadoras sociais, que son o enlace cos recursos xurídicos e sociais de que dispoñen as mulleres xa que o apoio psicolóxico e a información sobre os recursos municipais é fundamental nestes casos.

Pola súa banda, a directora do Centro de Protección á Muller de Valencia-Clece, Eva Planells, expuxo o programa que desenvolven en colaboración coa Consellaría de Igualdade e Políticas Inclusivas en que se empregan diferentes recursos, as casas de acollida, as vivendas tuteladas e os programas de axuda ao emprego.

A especialista de apoio en violencia de xénero da Dirección Xeral de Saúde Pública, Ángela Escribano, destacou as diferentes medidas que a Consellaría de Sanidade Universal e Saúde Pública introduciu para mellorar os protocolos de detección e as accións encamiñadas a paliar esta eiva social.

Premio á investigación aplicada á detección da violencia de xénero

Na clausura da xornada tamén se anunciou o acordo de colaboración entre a Fundación de Investigación do Hospital Xeral Universitario de Valencia e Clece por que se lanzou a convocatoria do I Premio á Investigación Aplicada á Detección da Violencia de Xénero.

A directora de Recursos Humanos de Clece, Purificación González, explicou o compromiso da súa empresa para apoiar este premio, dotado de 3 000 euros e dirixido a conseguir maior eficacia na detección dos casos de violencia de xénero e problemas de saúde relacionados. Desde o 16 de novembro até ao 30 de decembro está aberto o prazo para presentar as solicitudes ao premio cuxa información estará dispoñible na web da fundación.

jornada-sensibilizacion-hospital-general-valencia-clece-premio-investigacion

jornada-sensibilizacion-hospital-general-valencia-clece-premio-investigacion2