150 empregados de Integra CEE e Clece corren a prol dos nenos con discapacidade

150 empregados de Integra CEE e Clece corren a prol dos nenos con discapacidade

  • Fieis á súa cita anual coa Carreira pola Discapacidade que tivo lugar onte no concello de Xetafe e que este ano celebraba a súa quinta edición.
  • Empregados de Integra CEE participaron ademais en calidade de voluntarios contribuíndo á organización e desenvolvemento da loxística desta acción deportiva e solidaria organizada pola asociación DEDINES en colaboración co Concello de Xetafe.

Un ano máis, Clece e o seu centro especial de emprego Integra CEE estiveron presentes apoiando a V Carreira pola Discapacidade, unha acción social, deportiva e solidaria que este ano celebraba a súa quinta edición. Organizada por DEDINES (asociación en defensa do neno discapacitado con necesidades especiais de Xetafe) en colaboración co Concello de Xetafe, esta iniciativa ten como obxectivo a promoción e defensa dos dereitos das nenas e nenos con diversidade funcional.

En total, preto de 150 corredores, entre profesionais e familiares de Integra CEE e Clece, calzaron as súas deportivas para se uniren aos máis de 2 800 corredores que participaron este ano nalgún do tres percorridos dispoñibles: 500 metros para crianzas e maiores, e dous percorridos de 5 km e 10 km para adultos. A saída tivo lugar cunha rechamante solta de 1 500 globos na avenida Juan de Borbón, e a meta estivo no polideportivo Juan de la Cierva.

Ademais de participar como corredores, Integra CEE, como centro especial de emprego que promove a inclusión no mercado laboral de persoas con diversidade funcional, implicouse como patrocinador da carreira achegando as mochilas que se entregaron aos participantes. Igualmente cómpre salientar a implicación persoal dun gran número de empregados de Integra CEE que se ofreceron como voluntarios para axudar en distintas actividades da loxística do evento, como a montaxe das mochilas, o seu transporte e distribución entre os participantes, así como a entrega de bebidas nos puntos de avituallamento distribuídos polo percorrido, todo isto co fin de contribuír a que esta xornada solidaria e deportiva dirixida a toda a familia fose todo un éxito.

Por parte de Clece, xunto aos traballadores que se sumaron á iniciativa, tamén se contou coa participación especial dos maiores da residencia El Berrueco. O centro, xestionado por Clece na localidade madrileña do mesmo nome, está especializado na atención a persoas dependentes con alteracións da conduta ou con doenza de alzhéimer.

Xunto á motivación social, destacaron tamén os resultados deportivos dalgúns dos corredores de ambas as empresas. Co dorsal de Integra CEE e en calidade de convidado, Gustavo Molina, campión do mundo de duatlón PT1, alzouse como gañador da proba de handbike cun tempo de 17 minutos para 5 km. Así mesmo, foron dous os corredores de Integra CEE e Clece que subiron ao podio no percorrido de 10 km: Eduardo Meca e Mathew Hibbert, segundo e terceiro clasificados respectivamente.

Galería V Carrera por la Discapacidad