A implicación dos profesionais, clave para avanzar cara a un modelo de atención integral centrado no maior

A implicación dos profesionais, clave para avanzar cara a un modelo de atención integral centrado no maior

Clece, en colaboración coa Fundación Pilares e os Institutos de Atención Social e Sociosanitaria (IASS) do Cabido das Palmas de Gran Canaria e o Cabido de Tenerife, organizou as primeiras Xornadas sobre o Modelo de Atención Integral Centrado na Persoa (AICP) para debater sobre como avanzar nun modelo de atención integral centrada no maior e na forma de cubrir as súas necesidades e preferencias na atención domiciliaria e residencial.

Gran Canaria, 23 de xuño de 2016. A implicación dos profesionais competentes é a chave para avanzar nun modelo de atención xerontolóxica integral e centrada no maior. Esta é unha das principais conclusións das I Xornadas sobre o Modelo de Atención Integral Centrado na Persoa (AICP) e as súas aplicacións no servizo de axuda no domicilio (SAD), residencias e centros de día que tiveron lugar o pasado 20 de xuño no Centro Sociosanitario El Sabinal de Gran Canaria e o 22 de xuño no Hospital de los Dolores en La Laguna, na illa de Tenerife.

Ambos os encontros, organizados por Clece en colaboración coa Fundación Pilares e o Cabido das Palmas de Gran Canaria (IASS) e o Cabido de Tenerife (IASS), tiveron unha grande acollida entre os profesionais do eido sociosanitario. Neles debateuse sobre a necesidade de impulsar un cambio no enfoque da intervención xerontolóxica, adoptando un modelo de atención máis integral e centrado na persoa, que sitúe o maior no foco da atención, permitindo a súa autonomía, potenciando a súa independencia e destacando o papel terapéutico do cotián. Tamén se expuxeron experiencias e resultados da aplicación de distintos modelos en atención domiciliaria e en centros.

«En Clece damos atención a máis de 110 000 maiores tanto no ámbito residencial coma a través dos servizos de axuda no domicilio. O sector experimentou unha gran transformación nos últimos anos, mais cómpre seguir avanzando e dar un papel central á autonomía dos suxeitos a quen van dirixidas as actuacións profesionais. Entre todos, podemos facer posible que o maior se converta en parte activa da súa propia atención, do seu plan de vida», afirma Daniela Macías, delegada social de Clece.

Durante a xornada, Pilar Rodríguez, directora da Fundación Pilares, e Clarisa Ramos, profesora do Departamento de Traballo Social e Servizos Sociais da Universidade de Alacante e membro tamén da fundación, explicaron a conceptualización do modelo AICP, metodoloxía e ferramentas de aplicación nos servizos de axuda no domicilio, residencias e centros de día. «Existe consenso nos principios que definen a atención xerontolóxica, como a personalización, a integralidade ou a promoción da autonomía, entre outros. Con todo, levalos á práctica no día a día dos servizos e centros ten unha importante dificultade, xa que moitas veces están suxeitos a numerosas normas organizativas e laborais, así como a rutinas asistenciais», comenta Pilar Rodríguez.

Neste sentido, o rol dos coidadores profesionais é clave na aplicación do modelo. O seu contacto estreito e continuado co maior ou con calquera persoa en situación de dependencia convérteos en valiosas fontes de información para poder personalizar a atención, así como en dinamizadores da implicación activa dos maiores.