Recoñecemento ao proxecto educativo de Clece na primeira edición do Premio Escola Infantil

Recoñecemento ao proxecto educativo de Clece na primeira edición do Premio Escola Infantil

  • Cinco escolas de Clece resultaron galardoadas polos seus proxectos pedagóxicos para nenos de 0 a 3 anos. 

Madrid, 20 de novembro de 2015. A revista profesional Escuela Infantil, do grupo editorial Siena, recoñeceu o proxecto educativo de Clece no eido das Escolas Infantís coa entrega de cinco galardóns na primeira edición do Premio Escola Infantil a experiencias educativas realizadas nas aulas de 0 a 3 e de 3 a 6 anos. 

Cinco foron as escolas infantís de Clece que resultaron premiadas pola posta en marcha de proxectos relevantes para crianzas de 0 a 3 anos dentro das categorías Sentidos e Psicomotricidade, Emocións, Convivencia e Coñecemento da Contorna. En total, as escolas infantís xestionadas por Clece presentaron 75 proxectos, dos que 30 resultaron finalistas. Os cinco proxectos premiados finalmente foron: 

 –    O espertar dos sentidos, da Escola de Educación Infantil «Los Sauces» de Valdemoro (Madrid) na categoría Sentidos e Psicomotricidade. O proxecto busca ser unha ferramenta para estimular os sentidos dos máis cativos por medio da experimentación directa. Abrangue todo o curso e traballa os sentidos por separado. Cada dous meses, un dos sentidos é o protagonista e o factor sorpresa constitúe un recurso clave no desenvolvemento das actividades. 

 –    Titellas. Espazo social, da Escola Infantil Municipal «Mon Petit» de Cavall de Cartró na categoría Emocións. A experiencia está orientada a ensinar a crianzas con risco social ou/e outros trazos de exclusión instrumentos e habilidades para que as súas relacións sociais sexan as correctas, así como para mellorar o seu posterior funcionamento social, académico e psicolóxico, todo iso mediante uns monicreques ou personaxes que fan máis atractivo presentar diferentes emocións e personalidades nas actividades programadas para traballar e favorecer as habilidades sociais.

 –    Purpurina e pompas de emoción, da Escola Infantil Municipal «Las Camaretas» de Golmayo (Soria) na categoría Emocións. Dentro dos proxectos levados a cabo no verán, «Purpurina e pompas de emoción» constitúe un percorrido sensorial no que explorar directamente mediante a manipulación diversos obxectos e elementos da contorna como a area e a auga. A partir das sensacións experimentadas trabállanse emocións e póñense en alerta todos os sentidos para unha aprendizaxe multisensorial.

 –    Coñecemos os avós e avoas de Dosrius, da Escola Infantil Municipal «La Caseta del Bosc de Can Martorell» de Cavall de Cartró en Dosrius (Barcelona) na categoría de Convivencia. Dentro dos obxectivos da contorna social e os valores da escola, o proxecto proponse coñecer un pouco máis a xente maior que os rodea. Lévase así a cabo o terceiro trimestre de cada curso co desenvolvemento de tres actividades: invitación dos avós e avoas á escola para contar contos, a festa da familia e a visita á residencia de xente maior de Dosrius cos nenos de 2 a 3 anos. 

 –    De patio a xardín, da Escola Infantil «La Sargantana» en Santa Coloma de Gramanet (Barcelona) na categoría Coñecemento da Contorna e Autonomía Persoal. Só un ano logo de abrir a escola e en coherencia co proxecto educativo —que entende os ambientes de xogo e aprendizaxe como un mestre máis—, o proxecto busca transformar o espazo exterior do centro e pasar de ter un patio a un xardín. Trátase dun proxecto vivo e continuo, creado sobre a necesidade de ter elementos naturais como recursos didácticos e gozar así dun espazo exterior rico e estimulante. 

A entrega dos premios tivo lugar o 19 de novembro na sede da Universidade para Maiores da Fundación Universitaria San Pablo CEU de Madrid. Foron un total de 13 os equipos educativos premiados en representación de escolas e centros procedentes de diferentes puntos da xeografía española e déronse catro mencións a proxectos desenvolvidos dentro e fóra do horario escolar.

reconocimiento-al-proyecto-educativo-de-clece-en-la-primera-edicion-del-premio-escuela-infant2

reconocimiento-al-proyecto-educativo-de-clece-en-la-primera-edicion-del-premio-escuela-infant3

reconocimiento-al-proyecto-educativo-de-clece-en-la-primera-edicion-del-premio-escuela-infant4

reconocimiento-al-proyecto-educativo-de-clece-en-la-primera-edicion-del-premio-escuela-infant5

reconocimiento-al-proyecto-educativo-de-clece-en-la-primera-edicion-del-premio-escuela-infant1