O persoal de Clece mobilízase contra a violencia de xénero

O persoal de Clece mobilízase contra a violencia de xénero

  • O persoal de Clece mostra o seu apoio ás vítimas da violencia de xénero na campaña «Unha vida sen violencia, unha vida con respecto», que en Cataluña levou o lema «Viure lliure». 
  • Os traballadores levaron lazos e realizaron fotografías solidarias co logotipo da campaña dende as distintas delegacións e sedes a escala estatal.
  • A iniciativa contou ademais coa adhesión de clientes e usuarios dos servizos prestados pola empresa.
  • Clece forma parte de «Empresas por unha Sociedade Libre de Violencia de Xénero» promovida polo Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade.

Madrid, 25 de novembro de 2015. Clece sumouse á difusión do Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres cunha campaña de sensibilización e solidariedade que mobilizou o seu cadro de persoal a escala estatal. Ademais, a campaña contou coa adhesión de diversos clientes e usuarios dos servizos prestados, o que permitiu multiplicar o seu alcance. 

Co lema «Unha vida sen violencia, unha vida con respecto», e «Viure lliure» en Cataluña, a campaña mostrou o apoio de Clece ás vítimas da violencia de xénero. «O noso maior valor é a nosa xente, xente comprometida e de gran calidade humana. Por que non aproveitar estes valores que xunto co noso gran volume de persoas nos permiten un gran potencial de difusión? Por iso, este ano decidimos dar un paso máis con esta campaña», comenta Purificación González, directora de Recursos Humanos de Clece.

A iniciativa implicou todas as delegacións de Clece a escala estatal, onde os empregados luciron un lazo co significado de aceptar o compromiso persoal de non cometer, permitir, nin silenciar a violencia contra as mulleres. Ademais, os traballadores romperon a súa rutina laboral para se faceren unha foto solidaria cos carteis e lonas que se despregaron nos lugares de traballo, dando lugar a un momento para a reflexión e a concienciación sobre este problema. Alén disto, contribuíron a trasladar esta reflexión compartindo as imaxes a través de redes sociais co cancelo #unavidasinviolencia. 

Cun alto nivel de participación entre os máis de 74 000 empregados da empresa, a campaña contou coa adhesión de clientes e usuarios dos servizos de Clece en todas as súas delegacións, cos que, á súa vez, Clece colaborou en diversos actos e iniciativas locais. «Esperamos ter un efecto multiplicador porque a acollida da campaña foi realmente boa na nosa contorna. A isto cómpre engadir a nosa participación en diversas iniciativas promovidas tanto por clientes como por asociacións colaboradoras en diferentes cidades. A nosa intención é sumar nesta causa que debe calar en toda a sociedade», afirma Purificación González. 

Entre outros apoios, a iniciativa contou coa adhesión dos hospitais de La Candelaria e o centro comercial Tres de Mayo nas Illas Canarias; os hospitais Vall d’Hebron e Bellvitge; a Universidade Pompeu Fabra; BSA Badalona e os concellos de Hospitalet e Sant Joan Despí en Cataluña; distintas empresas do parque empresarial de Valencia na Comunidade Valenciana; e o servizo de axuda a domicilio (SAD) de Zaragoza e a residencia de maiores de Movera, en Aragón. Neste último, os usuarios e traballadores do centro para maiores formaron un lazo humano. 

Á súa vez, Clece apoiou diversas accións promovidas por clientes e entidades colaboradoras. Entre outras, en Andalucía sumouse ao minuto de silencio e manifesto programado polo Concello de Xaén, así como a máis de dez iniciativas solidarias en Almería. En Castela e León, a Escuela Fantasía de Valladolid e o SAD de Medina del Campo acudiron a unha proxección fotográfica organizada polo Concello de Medina. En Paracuellos del Jarama (Madrid) formou parte dunha mesa redonda sobre o problema da violencia machista. 

Comprometidos contra a violencia de xénero 
A campaña «Unha vida sen violencia, unha vida con respecto» e «Viure lliure» enmárcase no compromiso de Clece coa integración de colectivos vulnerables, ámbito no que traballa pola inserción laboral de vítimas da violencia de xénero. Actualmente, Clece ten 179 traballadoras procedentes deste colectivo. Para iso colabora con diversas entidades, asociacións e fundacións dedicadas á atención das vítimas. 

Así mesmo, Clece fomenta iniciativas de sensibilización social que se dirixen á erradicación da violencia sexista, onde destaca a celebración o pasado mes de abril do II Foro-Coloquio «Clece pola Integración» centrado neste colectivo, accións que van ligadas á súa adhesión á iniciativa «Empresas por unha Sociedade Libre de Violencia de Xénero» promovida polo Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade.

'); }); });