III Foro Clece pola Integración «Un emprego para cambiar unha vida»

III Foro Clece pola Integración «Un emprego para cambiar unha vida»

  • «Pechar o círculo da exclusión é corresponsabilidade de todos»

As Palmas de Gran Canaria, 4 de novembro de 2015. A colaboración dos distintos axentes sociais é necesaria para fomentar o acceso ao mercado laboral das persoas en risco de exclusión, entendendo o emprego como unha das ferramentas máis eficaces para a súa integración. Esta é unha das principais conclusións extraídas do III Foro «Clece pola Integración» celebrado baixo o lema «Un emprego para cambiar unha vida» no Centro Cultural CICCA das Palmas de Gran Canaria.

O foro, organizado por Clece, congregou os distintos actores implicados na integración de colectivos en risco de exclusión con representantes da Administración pública, a empresa privada e axentes sociais, así como traballadores provenientes deste colectivo.

Por parte da Administración, interviñeron Isabel Mena, viceconselleira de Emprego e Políticas Sociais do Goberno de Canarias; Elena Mañez Rodríguez, conselleira de Goberno de Política Social e Accesibilidade do Cabildo de Gran Canaria; Óscar Mata, xerente do Instituto Municipal de Emprego e Formación (IMEF) do Concello das Palmas de Gran Canaria, e Jesús Octavio Suárez Rodríguez, coordinador do Centro de Acollida Municipal El Lasso. Por parte de Clece asistiron Cristóbal Valderas, presidente de Clece; Purificación González, directora de Recursos Humanos de Clece, e Luis Arocha Miranda, técnico de selección e inserción de Clece Canarias, que deron a visión da empresa privada, mentres que os testemuños dos traballadores viñeron da man de Yesica Díaz Valiente e Javier Antonio González, ambos empregados de Clece.

Precisamente Yesica e Javier mostraron o problema da exclusión en primeira persoa. Tras facer fronte a unha situación persoal e familiar complexa, Yesica «séntese orgullosa de non renderse ante a adversidade e de poder ter hoxe toda a súa familia consigo, mirando ao futuro sempre con optimismo», afirmou. Pola súa banda, Javier, logo de superar un problema de drogodependencia e conseguir un emprego, afirma que «por primeira vez está vivindo» e que neste momento se sente «útil, responsable e parte da sociedade», unha mensaxe de optimismo para pechar as distintas intervencións do foro, onde se fixo fincapé na necesidade de xuntar e reforzar esforzos entre todos os axentes implicados.

Isabel Mena declarou «estar a abordar distintas liñas para volver aos itinerarios de inserción laboral» e «traballando na coordinación dos tres alicerces básicos para a plena inclusión: política social, emprego e vivenda». Para finalizar, a viceconselleira engadiu que «pechar o círculo da exclusión é corresponsabilidade de todos» en alusión á necesaria colaboración público-privada. Pola súa banda, Elena Mañez incidiu na necesidade de fomentar ferramentas para combater a exclusión dende a Administración como, por exemplo, a «inclusión de cláusulas sociais na contratación pública».

Así mesmo, Óscar Mata, entendendo o desemprego como unha causa de risco de exclusión, insistiu na «importancia da formación como ferramenta para aumentar a empregabilidade, máis cando unha elevada porcentaxe de persoas desempregadas carecen de cualificación». En canto a Jesús Octavio Suárez, en resposta ao moderador, Santiago Morellón, xefe de informativos da Cadea Cope, comentou que a porcentaxe de reintegración é moi baixa e que «sen un emprego en moitas ocasións as persoas retroceden á casa de saída» no proceso de integración.

A responsabilidade da empresa
Cristóbal Valderas contou como «dende Clece se traballou nun modelo integrador que demostra que é posible dar unha oportunidade a estas persoas. Non é un camiño fácil, hai que pór os recursos necesarios, buscar colaboracións e contar coa implicación de todos os traballadores. Porén, unha vez que se sentan as bases, pódese facer un gran labor. En Clece son xa 595 os traballadores provenientes destes colectivos, persoas ás que axudamos a pechar o círculo cunha oportunidade laboral tras esgotar ou terminar as axudas sociais».

«Máis que as dificultades que ven as empresas en contratar este tipo de perfís», Purificación González quixo salientar «os beneficios que ten a longo prazo contar con estes traballadores en termos de agradecemento, fidelidade e sentido de pertenza, á vez que melloran o clima laboral, xerando contornas máis cohesionadas e solidarias». Luis Arocha, dende a súa experiencia profesional, afirmou que a integración é «un percorrido moi longo, unha cadea na que é necesaria unha vontade de cambio, asesoría profesional axeitada e, para rematar, o emprego».

O III Foro «Clece pola Integración» enmárcase no compromiso social de Clece coa integración laboral das persoas en risco de exclusión. Na actualidade, Clece emprega 74 401 persoas en España, 6602 das cales proveñen de colectivos socialmente vulnerables, en concreto 595 de situacións de exclusión.

Exposición fotográfica Óxido
Co gallo da celebración do Foro, Clece tamén patrocinou e produciu Óxido. Trátase da última exposición fotográfica da artista das Palmas de Gran Canaria Sara Yun, un excepcional traballo exposto no Espazo das Artes de Tenerife (TEA) do 3 ao 17 de novembro e que reflicte a capacidade de loita do ser humano.

A serie de imaxes mostra o día a día de catro de vinte e dous inmigrantes que viaxaban nun barco que foi abandonado á súa sorte nas costas das Palmas de Gran Canaria, a milleiros de quilómetros de distancia dos seus fogares.