II Foro

II Foro "Clece pola Integración"

  • No II Foro-Coloquio «Clece pola Integración», diferentes axentes involucrados na atención a mulleres que foron vítimas da violencia de xénero debateron sobre os principais retos á hora de axudar este colectivo e colaborar na súa integración social.
     
  • No seu compromiso coa inserción de colectivos vulnerables, o presidente de Clece, Cristóbal Valderas, explicou que a maior achega que pode facer a súa empresa polas vítimas é ofrecerlles unha oportunidade laboral.
     
  • Na actualidade, Clece ten empregadas 143 vítimas da violencia de xénero.
     

Valencia, 16 de abril de 2015. Clece, empresa multiservizos, celebrou esta mañá unha xornada de debate sobre os principais retos que afrontan as mulleres vítimas da violencia de xénero. O «II Foro-Coloquio Clece pola Integración», que levou por título «Hai saída á violencia de xénero», reuniu diferentes axentes sociais implicados na atención e axuda a este colectivo, que coincidiron en sinalar que o traballo é vital para favorecer a integración social das mulleres que sufriron violencia de xénero ao tratarse dunha ferramenta que lles permite dotarse de autoestima, autonomía e independencia.

Precisamente, neste sentido, os asistentes ao foro tiveron a oportunidade de coñecer en primeira persoa o punto de vista e experiencias de dúas mulleres que foron vítimas da violencia de xénero e que puideron acceder a un posto de traballo. Lorena e Marta coincidiron en sinalar que a oportunidade laboral que lles proporcionou Clece foi unha das principais axudas para se recuperaren do trauma sufrido. Marta explicou que «o estado emocional é o primeiro que hai que tratar e coidar, pero o traballo é esencial para recuperar a normalidade e a autoestima». Pola súa banda, no seu testemuño, Lorena incidiu no estímulo que representa atopar un emprego: «Cando parece que todas as portas están pechadas, o traballo representa unha motivación para seguir adiante, pero, sobre todo, se nesa contorna laboral es recoñecida como unha persoa que ten algo que achegar».

Ademais destas dúas mulleres, o coloquio (moderado polo xornalista Julián Giménez) contou coa participación de Blanca Hernández Oliver, delegada do Goberno para a violencia de xénero; Laura Chorro, directora xeral de Familia e Muller da Consellaría de Benestar Social da Generalitat Valenciana; Cristóbal Valderas, presidente de Clece; Eva Planells, directora do Centro de Protección da Muller de Valencia; e Anna Ferrer, representante da asociación Alanna.

Trátase da segunda edición deste foro de diálogo, que se celebra «dentro do compromiso social de Clece», tal e como lembrou Cristóbal Valderas, presidente de Clece: «Un compromiso social que vai máis aló dunha política de responsabilidade social corporativa e que se integra nunha auténtica cultura de empresa». Neste sentido, Valderas anunciou que a compañía emprega actualmente máis de 70 000 persoas, das que 5537 proveñen de colectivos vulnerables e, en concreto, 143 son mulleres que foron vítimas da violencia de xénero.

O foro arrincou coa intervención de Blanca Hernández, delegada do Goberno para a violencia de xénero, quen quixo salientar, en primeiro lugar, os aspectos positivos da xestión realizada polas distintas administracións neste campo durante os últimos anos: «O que fixo España na loita contra a violencia de xénero non ten parangón con outros países do mundo. Somos pioneiros en moitas medidas e recibimos permanentemente outros estados interesados en coñecer a nosa xestión e modelo». Con todo, a delegada do Goberno tamén quixo lembrar cales son os principais campos de mellora e os asuntos que máis preocupan: «A autonomía é un dos principais antídotos contra a violencia de xénero, e o traballo é fundamental para conseguir esta independencia». Finalmente, Blanca Hernández advertiu que, malia que se estende entre a poboación o rexeitamento total á violencia física, aínda son aceptadas, por unha banda significativa da sociedade, formas máis sutís de violencia, como a de control ou seguimento.

Pola súa banda, Laura Chorro, directora xeral de Familia e Muller da Consellaría de Benestar Social da Generalitat Valenciana, sinalou a importancia de que o sector privado se conciencie realmente do seu papel, en especial de que se cree unha auténtica concienciación empresarial: «As empresas, ademais de valorar as bonificacións fiscais para promover a contratación deste colectivo, deben saber que teñen unha responsabilidade coa contorna onde se desenvolven e deberían ser conscientes do ben que poden facer atendendo problemas tan reais como o da inserción laboral das mulleres que sufriron a violencia de xénero».

Eva Planells, directora do Centro de Protección da Muller de Valencia, resaltou como a integración laboral das mulleres vítimas da violencia de xénero é definitiva na súa recuperación anímica e psicolóxica: «Sen emprego é moi difícil a saída. Sen un traballo córrese o perigo de que a vítima desande o camiño xa percorrido. Hai que entender a importancia que ten para elas a autonomía». Así mesmo, Planells engadiu que «a soidade e o illamento son algunhas das principais barreiras para romper. É necesario buscar "redes", axudas que favorezan a integración».

Compromiso social coa igualdade de oportunidades
O II Foro «Clece pola Integración» enmárcase no compromiso social de Clece coa integración laboral das mulleres vítimas da violencia de xénero. Actualmente, no seu cadro de persoal conta con 143 empregadas que pertencen a este colectivo. Este esforzo da empresa esténdese, ademais, a outros colectivos, como persoas con discapacidade, mozos desempregados, persoas en risco de exclusión social e vítimas do terrorismo. Para iso, Clece colabora con máis de 200 asociacións. Na actualidade, Clece ten empregadas máis de 70 000 persoas en España e preto de 6000 na Comunidade Valenciana.