Clece entrega os Premios Compromiso aos proxectos máis destacados en integración e sensibilización de colectivos socialmente vulnerables

Clece entrega os Premios Compromiso aos proxectos máis destacados en integración e sensibilización de colectivos socialmente vulnerables

  • Os premios nas catro categorías Discapacidade, Exclusión Social, Violencia de Xénero e Maiores recaeron, respectivamente, nas asociacións Dedines, Línea 10, Victoria Fuenlabrada e Fundación Vianorte-Laguna.
     
  • O xurado, composto tanto por personalidades do mundo institucional como da sociedade civil, valorou 157 candidaturas.
     

Madrid, 3 de marzo de 2015. Clece celebrou onte a cerimonia de entrega dos seus Premios Compromiso que, nesta primeira edición, recaeron nos proxectos presentados polas asociacións Dedines, Línea 10, Victoria Fuenlabrada e a Fundación Vianorte-Laguna polo seu labor a favor de colectivos socialmente vulnerables.

Os galardóns teñen como obxectivo recoñecer o labor de entidades sociais e organizacións sen ánimo de lucro da Comunidade de Madrid nos ámbitos da integración de persoas con discapacidade, mulleres que sofren violencia de xénero e persoas en risco de exclusión social, así como da axuda a persoas maiores. Créanse como un reflexo da realidade social de Clece que integra máis de 5 000 persoas de colectivos vulnerables no seu cadro de persoal. «Homes e mulleres con historias incribles de superación, de éxito e que son un exemplo de orgullo e esforzo para todos os que formamos parte desta enorme familia que é Clece», destacou Cristóbal Valderas, presidente de Clece.

«O noso compromiso social consiste en ir máis aló da prestación dun servizo social público ou do cumprimento dun prego de condicións: é chegar onde xeralmente a Administración pública non pode chegar —afirmou Valderas—. Tentamos pechar o círculo unha vez que pasaron por un centro social. Como? Integrando realmente estes colectivos na sociedade, tentando ofrecerlles unha oportunidade de traballar na nosa empresa.»

Durante a gala, celebrada nos Teatros del Canal de Madrid e conducida polo xornalista Constantino Mediavilla, Clece desvelou os finalistas e galardoados da primeira edición. Entregaron os premios Irene Villa, presidenta do xurado, na categoría de Discapacidade; Dolores Navarro, concelleira de Familia e Asuntos Sociais do Concello de Madrid, na categoría de Exclusión Social; Cristóbal Valderas, presidente de Clece, na categoría de Violencia de Xénero; e Jesús Fermosel, conselleiro de Asuntos Sociais da Comunidade de Madrid, na categoría de Maiores.

«Parabéns a todos os proxectos presentados. Parabéns a todos os que loitades por facer un mundo cada vez máis grande grazas á solidariedade e ao compromiso. Co voso labor axudádesnos a saltar todas as barreiras», destacou Irene Vila, presidenta do xurado.

Proxectos premiados
O xurado, integrado tanto por personalidades do mundo institucional como da sociedade civil, elixiu os catros gañadores tras valorar 157 candidaturas e elixir cinco finalistas por candidatura. Os premiados son os seguintes:

  • Asociación Dedines polo seu proxecto «Campamento de Verán 2015» na Categoría de Discapacidade. Dedines é unha asociación para a defensa das crianzas con discapacidade e necesidades especiais que se fundou no ano 2009. Dende hai dous, realiza campamentos de verán para afiliados á asociación (na actualidade, 45 nenos con discapacidade). Co proxecto «Campamento de Verán 2015» ofrece campamentos con persoal cualificado e material específico para atender as necesidades especiais dos cativos con pluridiscapacidade.
  • Asociación Línea 10 polo seu proxecto «Nuevo Camino 2015» na categoría de Exclusión Social. Esta asociación nace da obra das Irmás da Caridade da Asunción que traballan nas periferias das cidades apoiando familias en risco de exclusión. En concreto, o proxecto «Novo Camiño» desenvólvese dende hai catro anos no distrito madrileño de Usera, favorecendo a inserción social de familias con menores en situación de risco por medio do acompañamento social, intervencións socioeducativas a domicilio ou na sede da asociación. En total, 35 familias e 45 menores de entre 3 e 12 anos benefícianse deste programa.
  • Asociación Victoria Fuenlabrada polo seu proxecto «Benestar, integración empoderamento e emancipación das mulleres vítimas da violencia de xénero» na categoría de Violencia de Xénero. Esta entidade, formada por mulleres relacionadas coa violencia de xénero, proporciona ás vítimas un programa para avaliar e cubrir as súas necesidades máis urxentes mediante distintas actividades como obradoiros de benestar, obradoiros de procura de emprego e apoio emocional, autoprotección e defensa persoal, ou asesoría xurídica.
  • Fundación Vianorte-Laguna polo seu proxecto «Equipo Médico-Terapéutico a Domicilio do Hospital Centro de Cuidados Laguna para persoas dependentes» na categoría de Maiores. A Fundación Vianorte-Laguna é unha entidade sen ánimo de lucro dedicada ao coidado e atención de persoas que sofren enfermidade avanzada, persoas maiores e pacientes con doenzas neurodexenerativas. Con este proxecto, un equipo médico-terapéutico do Hospital Centro de Cuidados Laguna para persoas dependentes realiza servizos de atención domiciliaria para persoas dependentes en situación de vulnerabilidade social, con necesidade de terapias e escasa mobilidade. O número de potenciais beneficiarios directos, por servizo unitario, ascende a 5 265.

Cada unha das catro propostas recibiu unha dotación de 6 000 euros, así como un galardón deseñado polo artista madrileño José Miguel Utande e desenvolvido por unha asociación de persoas con discapacidade. O xurado valorou o valor social e alcance das iniciativas. Xunto a Irene Vila, Dolores Navarro e Cristóbal Valderas, o xurado contou coa participación de César Antón, director xeral do Imserso; Carmen Balfagón, secretaria xeral técnica de Asuntos Sociais da Comunidade de Madrid; Matilde Fernández, deputada do PSOE na Asemblea de Madrid e voceira de Asuntos Sociais do Grupo Parlamentario Socialista; David Casinos, relator e atleta paralímpico dedicado ás especialidades de lanzamentos, peso, disco e martelo, e Pedro Montoliú, xornalista español e cronista da Vila de Madrid.

Froito dun compromiso
Os Premios Compromiso enmárcanse no compromiso social de Clece que vira ao redor de catro alicerces: empregabilidade, integración, sensibilización e coidado de persoas. g

Dende hai anos, a empresa impulsa a integración laboral de colectivos desfavorecidos, ofrecendo oportunidades laborais a persoas con discapacidade, en risco de exclusión social e vítimas da violencia de xénero. Na actualidade, máis de 5 000 persoas pertencen a estes colectivos e intégranse nos case 70 000 empregados de Clece. Para levar a cabo este compromiso, Clece colabora con máis de 200 asociacións, fundacións, entidades sociais e organismos públicos. Na Comunidade de Madrid, Clece conta con máis de 11 300 empregados, dos que 700 persoas pertencen a colectivos desfavorecidos.

Ademais destes colectivos, Clece está especialmente sensibilizada co coidado das persoas maiores. Na súa actividade, atende cada día máis de 87 000 maiores nos servizos que presta en residencias, centros de día ou axuda domiciliaria, persoas para as que realiza diferentes actuacións (obradoiros ocupacionais, encontros interxeracionais, terapias avanzadas etcétera) que, máis aló da prestación do servizo social comprometido coa Administración, teñen o obxectivo de mellorar a súa calidade de vida e favorecer a súa autonomía e integración social.