O Concello de Adeje e Clece únense para favorecer a inserción laboral de colectivos de difícil empregabilidade

O Concello de Adeje e Clece únense para favorecer a inserción laboral de colectivos de difícil empregabilidade

  • Asinan un convenio para promover a inserción laboral de persoas con discapacidade, persoas vítimas da violencia de xénero e persoas en situación de exclusión social.

Madrid, novembro de 2014. O Concello de Adeje, a través da área de Desenvolvemento Local e Políticas de Emprego, e Clece colaborarán na inserción de colectivos de difícil empregabilidade no municipio tinerfeño. Así o anunciaron durante a sinatura dun convenio dirixido a promover a integración de persoas con discapacidade, persoas vítimas da violencia de xénero e persoas en situación de exclusión social.

Cunha duración inicial dun ano, ambas as entidades comprometéronse a informar e proporcionar os recursos necesarios para a correcta execución do acordo. O obxectivo común é a inserción laboral directa dos colectivos mencionados mediante a incorporación das persoas candidatas propostas aos diferentes procesos de selección e, no seu caso, á súa contratación segundo as ofertas de emprego de Clece.

Ermitas Moreira García, concelleira responsable de emprego, sinalou que «o concello porá a disposición aqueles medios materiais que sexan necesarios» e explicou: «o acordo súmase ás propostas de emprego con empresas e entidades».

Pola súa banda, Clece enmarca esta colaboración no compromiso social da compañía que ten, entre os seus principais eixes, a empregabilidade e a integración laboral de colectivos socialmente vulnerables. En palabras de Braulio Hernández Lorenzo, da Dirección Rexional de Canarias de Clece, «a sustentabilidade do proxecto empresarial, que mantén a senda do crecemento nos últimos 15 anos, é a que garante a continuidade e o maior alcance deste compromiso. En Canarias, logramos aumentar o noso cadro de persoal nun 21 % o último ano, chegando a superar os 4 000 traballadores».