Clece súmase ao Club de Empresas Solidarias da Rioxa

Clece súmase ao Club de Empresas Solidarias da Rioxa

  • Programa posto en marcha polo Goberno da Rioxa para favorecer a integración sociolaboral de vítimas de violencia de xénero, doméstica ou intrafamiliar.
     
  • Coas 7 compañías que asinaron hoxe o convenio, son xa 32 as empresas que se uniron a esta iniciativa dende a súa posta en marcha en 2011.

Logroño, 9 de outubro de 2014. Clece uniuse ao Club de Empresas Solidarias da Rioxa, programa posto en marcha polo Goberno da Rioxa co obxectivo de facilitar a inserción laboral de vítimas de violencia de xénero, doméstica ou intrafamiliar.

A adhesión formalizouse hoxe durante a sinatura do convenio de colaboración celebrada no Palacete de Presidencia do Goberno no Espolón. A esta acudiron o presidente do Goberno da Rioxa, Pedro Sanz, e o director rexional da Dirección Noroeste de Clece, Vicente Ortega. Xunto con Clece, as empresas Caser Residencial (Res. Montesoria), Clínica Nutriestética, Ebrosame, Osga, Kiddy Fun Franquicias e Berceo (Pretur Hoteles) asinaron cadanseu convenio, co que xa son 32 as empresas comprometidas co programa dende a súa posta en marcha en 2011.

Por medio da Oficina de Atención á Vítima do Delito (OAVD) da Rioxa, o programa traballa para facilitar a inserción laboral de vítimas de violencia de xénero, doméstica ou intrafamiliar mediante o establecemento dunha canle de integración económica e laboral aportando oportunidades de emprego, formación e mobilidade.

Segundo os termos do convenio, a OAVD elaborará e presentará perfís, colaborando con Clece na elaboración dun programa individualizado de inserción sociolaboral, así como coa formación prelaboral das posibles demandas da empresa. Posteriormente, estudarase a contratación dos perfís presentados e a súa adecuación ao tipo de tarefas ofertadas.

Neste sentido facilitarase a mobilidade xeográfica ás vítimas de maneira que permita o seu traslado a outros centros da empresa, cando for preciso, para facer efectivo o dereito de protección e asistencia social integral.

A sinatura do convenio serve para formalizar e reforzar as colaboracións que dende Clece se viñan realizando coa OAVD neste eido. Enmárcase ademais no compromiso social de Clece dedicado á integración laboral de colectivos socialmente vulnerables, como vítimas de violencia de xénero, persoas con discapacidade, persoas en risco de exclusión, mozos desempregados ou vítimas do terrorismo. Actualmente, 5 000 dos seus máis de 68 000 traballadores proceden destes colectivos.