A música achega recordos e vivencias ás persoas con alzhéimer

  • A iniciativa, organizada pola Deputación de Málaga e Clece, congrega preto de 350 asistentes no Auditorio Edgar Neville.
     
  • As xornadas inciden na importancia de «coidar a persoa coidadora» dos doentes de alzhéimer.
     
  • A musicoterapia promove a socialización, aumenta a autoestima, mellora a mobilidade e estimula as lembranzas, entre outros beneficios.

Málaga, 23 de setembro de 2014. Os beneficios da musicoterapia e a importancia de «coidar a persoa coidadora» de doentes con alzhéimer foron dúas das principais conclusións das II Xornadas para Familias con Doentes de alzhéimer. A iniciativa, organizada pola Deputación de Málaga e Clece, congregou preto de 350 asistentes no Auditorio Edgar Neville.

Até o Auditorio acudiron, entre outras autoridades, o presidente da Deputación de Málaga, Elías Bendodo; a vicepresidenta e deputada de dereitos sociais, Ana Carmen Mata, e a directora de servizos sociais, Ana María Jiménez. Trala presentación oficial, deuse paso aos dous relatorios da xornada: «Boas prácticas para a persoa coidadora de pacientes con alzhéimer», impartida pola psicóloga M.ª José Domingo Ruiz de Mier da Asociación de Enfermos de Alzhéimer de Fuengirola, e «Os beneficios da musicoterapia nos enfermos de alzhéimer», a cargo da tamén psicóloga Sonia Buil Martínez.

A importancia de «coidar a persoa coidadora» e de aprenderlle a coidarse é un dos puntos nos que incidiu M.ª José Domingo entre as boas prácticas aconselladas aos coidadores e familiares de persoas con enfermidade de alzhéimer. Neste ámbito, destacou que hai que ser consciente da importancia de coidarse. Coidar outra persoa e darlle unha atención de calidade pasa pola necesidade de que o coidador tamén se coide xa que, se non se está ben, dificilmente poderá asumir o coidado dun familiar. Por iso, é clave coidar a saúde tanto física como emocional, reservando, por exemplo, un intre cada día para facer exercicio, gozar dunha afección ou das relacións sociais. A persoa coidadora ten que reservar un tempo para si mesma. Non é unha tarefa doada para quen leva a máxima carga do coidado e é necesario buscar axuda, tanto familiar como externa.

Pola súa banda, Sonia Buil expuxo, entre outros beneficios da terapia con música para a estimulación cognitiva e sensorial, a mellora da comunicación e as relacións sociais, a evocación de lembranzas e vivencias, unha maior autoestima, a mellora das funcións motoras e da coordinación dos movementos, a estimulación intelectual e cognitiva, e a relaxación.

No mundo hai aproximadamente 44 millóns de doentes de alzhéimer e máis de 600 000 persoas en España. Porén, esta enfermidade non só afecta a quen a padece, senón tamén os seus familiares e coidadores que, en moitas ocasións, sofren problemas físicos, psicolóxicos, económicos etcétera, derivados do coidado da persoa doente. Por iso, trala exitosa experiencia de 2013, trátase da segunda edición destas xornadas que buscan ofrecer coñecementos técnicos sobre a atención e coidados aos doentes nas distintas etapas da enfermidade, á vez que proporcionar estratexias que axuden a mellorar a vida das persoas coidadoras.

A actividade enmárcase, ademais, entre os distintos eventos organizados na deputación jco gallo do 21 de setembro, Día Mundial do Alzhéimer.