Clece xestionará o persoal de soporte da Copa do Mundo de Baloncesto en Gran Canaria

  • Proverá e coordinará persoal para dar soporte aos eventos, actividades e programas previstos na organización do gran evento deportivo.

5 de agosto de 2014. O Instituto Insular de Deportes, pertencente ao Cabido de Gran Canaria, adxudicou á unión temporal de empresas (UTE) formada por Clece e SET Soluciones o contrato «Traballos determinados de tarefas da Copa do Mundo de Baloncesto 2014». O obxecto do contrato é prover e coordinar persoal para dar soporte aos eventos, actividades e programas previstos na organización do gran evento deportivo na sede de Gran Canaria do 30 de agosto ao 14 de setembro.

Ademais da organización da propia competición e dalgúns dos partidos preparatorios de varias seleccións, o contrato tamén inclúe a realización de eventos e actividades de apoio como a organización da zona de seguidores ou fan zone. En concreto, este espazo situarase no parque Santa Catalina e será o centro neurálxico para todos os afeccionados. Cun importe de 164 612 euros, a UTE levará a cabo un total de 16 800 horas de traballo.

Será a segunda ocasión en que o Mundial de Baloncesto se celebre en España e terá como sedes dos diferentes partidos as cidades de Madrid, Barcelona, Sevilla, Granada, Bilbo e Gran Canaria. O evento prevé atraer máis de 600 000 afeccionados e será retransmitido a 800 millóns de persoas en todo o mundo. «É un evento de proxección mundial coa responsabilidade que isto supón. Estamos realmente ilusionados co proxecto e a nosa grande experiencia na xestión de equipos será unha garantía para cubrir calquera necesidade de persoal que se derive dun evento de tal magnitude, contribuíndo ao éxito da organización» declarou Albert Piñol, responsable do servizo.

Cun persoal de máis de 68 000 empregados a nivel estatal, Clece ten unha alta capacidade na xestión de equipos. Nas Illas Canarias, a empresa conta na actualidade con máis de 4 400 traballadores.