Inaugurado o maior complexo deportivo das Palmas de Gran Canaria

Inaugurado o maior complexo deportivo das Palmas de Gran Canaria

  • Xestionado por Clece en UTE con Estudios Técnicos para el Deporte.
     
  • As instalacións suman unha superficie de 11 000 metros cadrados e teñen capacidade para atender até 9 000 usuarios.
     
  • O centro alberga tres piscinas, spa, un ximnasio de 700 metros cadrados, tres salas de actividades e ludoteca.
     
  • O proxecto xerou 50 empregos directos e supuxo un investimento de 3,3 millóns de euros.

9 de xuño de 2014. O Concello das Palmas de Gran Canaria inaugurou o Complexo Deportivo de Tamaraceite, xestionado por Clece en unión temporal de empresas con Estudios Técnicos para el Deporte. Cunha capacidade de ata 9 000 usuarios, trátase do maior centro deportivo da cidade e dá resposta ás necesidades de lecer e deporte da zona.

Así o expresou no acto oficial de inauguración Juan José Cardona, alcalde das Palmas de Gran Canaria, quen destacou que o novo centro permite «contar cunha instalación de primeira orde para o lecer e o deporte dos cidadáns, do que se van beneficiar non só a veciñanza da zona, senón moita doutros barrios que se han sentir atraídos».

Para Javier Román Hernando, director xeral de Clece, «trátase dun proxecto moi esperado no municipio que achega os beneficios do deporte a un maior número de persoas e ademais supón unha fonte de emprego e riqueza na zona». O centro supuxo un investimento para Clece de 3,3 millóns de euros como empresa adxudicataria e xerou 50 novos postos de traballo, «12 dos cales, un 24 % do total, son contratos de persoas provenientes de colectivos socialmente vulnerables, co que se pon de manifesto o compromiso social de Clece por fomentar o emprego e a igualdade de oportunidades», sinalou Javier Román.

Á inauguración tamén acudiron, entre outras autoridades, a delegada do Goberno en Canarias, María del Carmen Hernández; o vicepresidente segundo e conselleiro de Goberno de Obras Públicas e Infraestruturas do Cabido, Carlos Alberto Sánchez Ojeda; a concelleira presidenta do distrito Tamaraceite, Carmen Guerra Guerra, e o concelleiro de Deportes do Concello das Palmas de Gran Canaria, Carlos Ester.

Instalacións e programación diferenciais

O novo centro ten unha superficie total de 11 000 metros cadrados e unha capacidade para entre 7 500 e 9 000 usuarios en función do índice de utilización das instalacións. O complexo está distribuído en dúas alturas.

A planta baixa alberga tres piscinas, que constitúen un dos elementos diferenciais do complexo. Trátase dunha piscina de natación de 25 metros de longo, unha de hidroterapia e outra destinada a practicar aquaeróbic. Ademais, esta planta ten unha sala de fisioterapia, sauna e vestiarios.

Na planta superior atópase un ximnasio de 700 metros cadrados e varias salas polivalentes destinadas a actividades como spinning ou aeróbic, todo isto coa tecnoloxía e equipamento deportivo máis avanzados, como 105 máquinas diferentes na sala fitness ou 45 bicicletas para spinning indoor. As instalacións complétanse con salas destinadas a gardería e ludoteca.

Xunto a instalacións de primeiro nivel, o complexo tamén ofrece unha innovadora e completa programación deseñada para toda a familia, que abarca ata 65 tipos de actividades diferentes agrupadas en categorías como actividades acuáticas, coreográficas (como zumba ou aeróbic) ou actividades corpo-mente.

O Complexo Deportivo de Tamaraceite supón un fito na crecente actividade do Grupo Clece nas Illas Canarias onde conta na actualidade con 4 000 traballadores.