07/12/2011

Emprego e discapacidade: cara á igualdade de oportunidades

No último informe Olivenza elaborado polo Observatorio Estatal da Discapacidade, poñíase de manifesto que hai un total de 3,8 millóns de persoas con discapacidade residindo nos fogares españois, dos que 2,3 millóns son mulleres (un 59,8%) e 1,5 millóns son homes (40,2%).

Case un millón e medio destas persoas con discapacidade están en idade laboral (entre 16 e 64 anos de idade), aínda que só traballa un 28%, segundo o estudo.
(http://www.observatoriodeladiscapacidad.es/informacion/documentos/07012011/informe_olivenza_2010)

O emprego é, nas sociedades modernas, a principal vía de inclusión, participación e mobilidade social. Ofrece seguridade económica, seguridade social e seguridade persoal, favorecendo a identidade e o recoñecemento social.

O momento económico actual é especialmente difícil para as persoas con discapacidade, tanto para quen xa está no mercado de traballo como para quen trata de entrar nel. Un número crecente de persoas con discapacidade que necesitan atopar emprego vense afectadas polos recortes nas políticas de incentivos á contratación e polo descenso do emprego nos sectores económicos nos que as persoas con discapacidade teñen máis posibilidades de integración.

Os dereitos laborais das persoas con discapacidade, coma os de todos os cidadáns, están recoñecidos en España polo artigo 35.1 da Constitución, que establece que todos os españois teñen o deber de traballar e o dereito ao traballo, á libre elección de profesión ou oficio, á promoción a través do traballo e a unha remuneración suficiente para satisfacer as súas necesidades e as da súa familia, sen que en ningún caso poida facerse discriminación por razón de sexo. Por outra banda, no seu artigo 49, a Constitución establece que os poderes públicos realizarán unha política de integración social dos cidadáns con discapacidade, que haberán de amparar especialmente para o goce dos dereitos que o Título Primeiro outorga a todos os cidadáns.

A Lei 13/1982, de 7 de abril, de integración social das persoas con discapacidade (LISMI), abordou no seu Título Sétimo o tema da integración laboral das persoas con discapacidade, establecendo a obriga para as empresas privadas con máis de 50 traballadores fixos de empregar un número de traballadores con discapacidade non inferior ao 2 por cento do persoal. Posteriores lexislacións desenvolveron medidas alternativas. Esta opción ofrece ás empresas ás que lles sexa imposible aplicar a cota de contratación de persoas con discapacidade a posibilidade de aplicar medidas substitutivas reguladas no Real decreto 364/2005, entre as que está a compra de bens e servizos a un centro especial de emprego.

Grazas a este desenvolvemento legal e á colaboración entre a Administración e todas as asociacións e institucións que traballan a favor desta causa, estase conseguindo reducir o impacto que a difícil situación económica puidese ter no emprego de persoas con discapacidade.

Así, a evolución dos contratos a persoas con discapacidade ao finalizar o segundo cuadrimestre de 2011 é positiva con respecto ao mesmo período do ano 2010, rexistrándose en todos os meses un aumento. Ao finalizar o segundo cuadrimestre de 2011, o acumulado de contratacións a persoas con discapacidade era de 42 178 contratos, fronte aos 39 471 que se realizaron nese mesmo período do 2010, o que supón un 6,9% de incremento.

Dáse a circunstancia adicional de que este crecemento na contratación de traballadores discapacitados se realizou fundamentalmente a través de centros especiais de emprego, é dicir, o 2% do sector produtivo español (valoración orientadora do global de centros) contratou máis traballadores discapacitados ca o 98% do tecido empresarial restante.

A nova lexislación, aprobada en agosto deste ano, endurece os requisitos a empresas de máis de 50 traballadores que queiran licitar no sector público e agrava as sancións por incumprimento da cota de reserva do 2% de traballadores discapacitados. Isto levou as empresas que até agora incumprían esta cota á procura de solucións directas ou vía centros especiais de emprego.

INTEGRA CEE incrementa a súa cifra de empregados con discapacidade até acadar os 1 000 profesionais

INTEGRA CEE, centro especial de emprego do grupo Clece, multiplicou por 14 o seu persoal dende que se creou no ano 2001, e fundamentalmente nos últimos 4 anos.

Grazas a este ritmo de crecemento, a compañía acadou xa os 1 000 empregados, un cadro de persoal composto, en máis do 90%, por persoas cunha discapacidade superior ao 33%, con máis do 40% delas en risco de exclusión social (alta discapacidade, discapacidade psíquica ou outros factores de risco adicionais á súa discapacidade).

Con todo, mentres haxa persoas con discapacidade plenamente preparadas para traballar e empresas obrigadas a cumprir coa LISMI, aínda queda moito traballo por facer. 

SGSAudelco BV BSI Empresa colaboradora en el Reto del Agua de Canal de Isabel IIAlzheimer 2011 InternacionalClece es empresa colaboradora del Observatorio Ambiental y de Responsabilidad Social en el Ambito Sanitario (OMARS)
Aviso Legal | CLECE S.A. © 2012 | Clece